A CIG mobilízase por un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas

A recollida de sinaturas para levar o debate ao Parlamento galego por Iniciativa Popular entra na recta final

Nacional -

A CIG mobilizouse esta mañá nas sete cidades e Vilagarcía para levar ás rúas a demanda dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas no que estean todos integrados para garantir a calidade asistencial e dignificar as condicións laborais. A pandemia sacou á luz as deficiencias asistenciais e a precariedade laboral nas Residencias da Terceira Idade, Centros de Día, Centros de Atención á Diversidade ou Servizos de Axuda no Fogar, entre outros. Servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis.

Por iso a central sindical puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, que entra xa na recta final, para levar ao Parlamento de Galiza, por Iniciativa Popular, esta demanda. “A crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas”, explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na concentración celebrada en Compostela.

Carril subliñou ademais como se evidenciou “a febleza dos servizos públicos de atención social e de coidados”. Como exemplo puxo os servizos de axuda no fogar ou as residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade onde, dixo, “son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, os abusos patronais e os importante niveis de explotación laboral existentes”.

Servizos públicos

Para a CIG, os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional. Por iso demanda que as competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia, sexan asumidas directamente pola Administración Pública Galega.

 

A central sindical entende que estas reivindicacións son, ademais, a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada), e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, especialmente no caso das mulleres.

Unha única rede pública

Por iso propón a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. Unha única rede pública na que estean integrados os centros asistenciais e residenciais da terceira idade; centros de día; centros de atención á diversidade; servizos de Axuda no Fogar e outros recursos como Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado..

Servizos que teñen que estar dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos e nos que se dignifiquen as condicións laborais e salariais de todo o persoal, maioritariamente mulleres, coa aplicación do mesmo convenio colectivo.

Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, a CIG defende a priorización da atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas e a supresión de todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos. Isto xunto co incremento dos orzamentos públicos destinados a este fin, así como daqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo.

A CIG demanda ademais a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.

Xestión pública galega e proceso de integración do persoal

Xunto a isto, e tal e como explicou Carril,  a CIG aposta pola xestión directa polas Administración Públicas de todos os servizos público e considera que “é ineludíbel, e máis necesario que nunca, que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza”. Neste sentido, defende a creación pola Administración Pública dos postos e prazas necesarias, reguladas mediante convocatorias públicas, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos.

En todo caso, a central sindical deixa claro que “os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar polaAdministración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados”.

Volver