A CIG-Navantia critica a falta de proxectos e investimentos da Xunta para enfrontrar a crise do naval público

Cualifican de "decepcionante" a reunión co conselleiro

Ferrol -

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol cualificou de "baldía de respostas, proxectos e investimentos" a reunión que a representación social mantivo o pasado venres co conselleiro de industria. Denuncian o goberno galego fai unha "neglixente renuncia ás súas funcións" cando ten todas as competencias en materia de industria.

Para a representación da CIG resulta decepcionante que a Xunta achegue unha análise sobre a situación do naval público similiar á parte social, e coincidente nas demandas sobre a carga de traballo ou a necesidade de contar con novas instalacións que poñan Navantia no futuro; pero ao  tempo, o goberno galego amósase incapaz de dar resposta aos problemas naquelas materias sobre as que ten as competencias. "O goberno español ten que dar un xiro ás súas políticas con Navantia Ferrol, pero o mesmo ten que facer a Xunta", aseveran.  

Denuncian que a Xunta debera ter un Plan de Formación coordinado co sector "é a súa obriga, pero que o anuncie e non o teña feito aínda constitúe un abandono e unha desidia pola súa parte, cando xa hai dous anos que o persoal das auxiliares comezaron a pasar ao desemprego". De igual xeito, é labor obrigado da Xunta condicionar a instalación de parques de eólica mariña a que teñan que deixar valor engadido na comarca, coa participación de Fene en Turbinas, mais o único que fai o Goberno galego é incentivar as multinacionais".

Abandono da Xunta

Tamén acusan de irresponsabilidade e abandono da Xunta que non poña investimentos enriba da mesa para avanzar na posibilidade de contar co novo dique para Carenas, unha necesidade imprescindíbel para dotar de futuro os estaleiros e non seguir perdendo negocio neste mercado.

"Na reunión o conselleiro non deu solución a nada disto", engaden, senón que fiou todo o pacto de estado por Ferrol. "Nada para a carga de traballo, nin un só proxecto da Xunta para solucionar os problemas coincidentes, nin un só euro en investimento, nin axenda para Carenas e Fene etc".

O momento máis "esperpéntico" chegou cando por parte da consellaría se demandou do comité "que sexamos nós os que lle presentemos os proxectos técnicos para un dique de reparacións, esquecéndose de que hai unha década, Feixoo presentou, aos catro ventos o gran proxecto que faría de carenas o centro mundial das reparacións". Un proxecto do que a día de hoxe non hai nada.

Volver