A CIG-Navantia critica que a elección do novo presidente responde a criterios políticos e non técnicos

Lembra que en catro anos houbo catro cambios na empresa pública
Ferrol - 06 Abr 2021

 A sección sindical da CIG critica que o nomeamento do novo presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, non obedece a criterios técnicos, de capacidade, nin de coñecemento do sector ou formación afín, "senón a criterios de colocacións políticas dunha parte do PSOE andaluz, á cal pertence a ministra de Facenda e Administración,  e da que provén tamén a actual presidenta da SEPI e anterior presidenta da empresa naval, que estivo seis meses escasos no cargo".

Dende a sección sindical da CIG denuncian que a política do Executivo de Pedro Sánchez con Navantia "é esperpéntica e pouco seria", e que se está a utilizar esta empresa pública como "un 'chiringuito' para satisfacer a unha parte do seu partido nunha loita interna na comunidade andaluza".  Isto acontece ademais, en pleno desenvolvemento do plan estratéxico da empresa "que se nos intentou convencer que era o futuro para Navantia e que os sacrificios nas comarcas e no convenio eran necesarios".

Son precisas políticas para relanzar a compañía

Fronte a este desleixo, a representación da CIG subliña que se unha política que sirva para relanzar a compañía cara a mercados internacionais e dar credibilidade antes os posíbeis clientes, máxime nunha industria tan competitiva como é a construción naval. "Catro cambios de presidencia en catro anos non dá estabilidade nin fiabilidade", aseveran.

Tras do novo nomeamento, como adoita acontecer, sucederanse unha serie de cambios a nivel interno, coa conseguinte paralización ou aminoración dos programas e actividades, algo que no caso dos estaleiros de Fene e Ferrol "sería imperdoábel cos traballadores e traballadoras da industria auxiliar no paro e sen carga de traballo". E neste senso, esixen que as tan agardadas F-110 non volvan sufrir ningún atraso.

Continuismo nas decisións

Xunto a isto, a sección sindical da CIG salienta que para a Ría de Ferrol é tamén nefasto todo este proceso, "xa que pecha toda saída a carga de traballo actual, e no relativo ao plan de investimentos, o recentemente nomeado presidente segue as teses da actual presidenta da SEPI, quen xa comunicou á parte social que non ía haber novas instalacións, nin dique cuberto, nin potenciacións de Carenas, ni cambios nos plans de eólica mariña para Fene, mesmo deixando no aire o proxecto para Turbinas. En definitiva, non hai ningún tipo de compromiso para as nosas instalacións".

A representación da CIG crítica o silencio cómplice dos/as responsábeis políticos dos partidos no goberno "que, como vimos denunciando, eluden as súas responsabilidades" ante este abandono absoluto da comarca.