A CIG-Navantia denuncia que xubilados/as da antiga Bazán quedan sen parte das súas pensións

Critican a pasividade do Goberno, “cómplice no incumprimento do acordado nos expedientes de 1996”
A Coruña - 16 Set 2016
A CIG-Navantia Ferrol traslada o apoio e solidarizade co colectivo de 22 xubilados/as da antiga Bazán aos que a aseguradora MAPFRE deixou de abonarlle o complemento acordado no expediente de prexubilación do ano 1996. Este complemento  supón, nalgúns casos, máis do 50% das pensións que viñan percibindo até o mes de xuño pasado.

Dende a Sección Sindical da CIG explican que MAPFRE, xunto con outras compañías aseguradoras, foron as adxudicatarias dos fondos de pensións de todas as empresas públicas no ano 2003. Dende esa data, os seus fondos de pensións fixéronse cargo do abono dos complementos das pensiónsdos empregados e empregadas das empresas públicas.

“Ante esta falta de pago, a administración do PP (Izar, Navantia, SEPI...), de maneira irresponsábel e incumprindo os expedientes de xubilación acordados no ano 96, actúa con total deixamento, permitindo que este colectivo se vexa afectado por un recorte brutal nas pensións que viñan percibindo”, afirman.

Por iso, acusan ao goberno do PP “de complicidade coas aseguradoras” para dar continuidade as súas políticas restritivas “que se ceban case sempre nos colectivos máis vulnerábeis e desprotexidos, algo ao que desgraciadamente xa nos ten acostumados/as este Goberno”.

A vez, a CIG esixe que IZAR, Navantia ou a SEPI, herdeiras das antigas Bazán e o INI, asuman  a súa responsabilidade na solución da grave situación que afecta e estes antigos traballadores e traballadoras da empresa, abonando as cantidades deixadas de percibir.

Finalmente, a Sección Sindical lanza un chamamento á participación, especialmente ao colectivo de xubilados/as e prexubilados/as, nas accións que a nivel sindical se convoquen de apoio aos afectados e afectadas.