• Nova

A CIG-Navantia Ferrol denunciou vulneración do dereito a exercer acción sindical

A sección sindical advirte de novos atrasos nas convocatorias de acceso
Ferrol - 21 Feb 2022

A CIG está a valorar as posibilidades de emprender accións legais contra Navantia polos atrasos que se acumulan nas convocatorias de prazas de acceso en Ferrol, nomeadamente nos procesos que afectan ás prazas de persoal operario e empregado. A representación da CIG na empresa advirte que a acción sindical desde o comité de Navantia resulta totalmente ineficaz, "motivo polo que estamos a recibir multitude de solicitudes de información de persoas afiliadas e non afiliadas, de dentro e de fóra de Navantia".

A xestión destes procesos, engaden, está a ser tan lamentábel que se chega ao extremo de que non se dispoñen de actas de reunións malia a esixencia por parte da CIG. Ante isto, a central nacionalista impulsou unha denuncia pola vulneración do seu dereito ao exercicio da representación legal das persoas traballadoras (tal como recolle o Estatuto das persoas Traballadoras) ao que a dirección de Navantia "reaccionou recoñecendo a necesidade de elaborar actas nas que se inclúan os argumentos do noso sindicato. Agardamos que se materialice en breve para retirarmos a denuncia".

No relativo á situación dos diferentes procesos sinalan:

Persoal universitario júnior – rematado o prazo de reclamacións estase á espera de que faciliten os datos para a súa revisión previa á publicación. Mantéñense problemas que a CIG insiste en eliminar como o feito de que se traslade ao comité a información dos requisitos das convocatorias con escasas horas de antelación á súa publicación na web, normalmente fóra do horario laboral, dificultando e até impedindo o traballo de control por parte do comité.

Un problema recorrente neste tipo de prazas é o requisito de inglés, co que moitas persoas están a ser eliminadas do proceso de xeito pouco transparente. Conseguiuse eliminar "o esperpento" das probas telefónicas mais segue sen facilitarse á representación social a documentación relativa ás probas. A CIG leva meses esixindo esta documentación para corroborar que a empresa externa que realiza este traballo dispón da competencia oficial necesaria para realizalo. "A dirección mesmo incumpre a palabra dada á parte social sen que para a maioría da parte social supoña un escándalo. Chegados a este punto, desexamos que algunha persoa excluída por estas probas demande no xulgado a Navantia", apuntan.

Persoal universitario sénior – vanse publicando prazas esporadicamente na web de Navantia polo que as persoas interesadas teñen que estar pendentes destas publicacións.

Persoal operario júnior – para esta semana agárdase dispor das listas provisionais de persoas admitidas para tratar de que se publiquen o antes posíbel.

Persoal operario sénior – as prazas do ano 2019 están atascadas pois a dirección négase a informar previamente á realización dos test psicotécnicos das características desas probas e as súas implicacións de cara ao resultado final das persoas seleccionadas. As seguintes convocatorias están pendentes de rematar as do 2019 cun evidente dano para as persoas afectadas.

Persoal Técnico Emerxencias – adíase uns días a última fase, as probas médicas.