A CIG-Navantia pide a dimisión do presidente do comité por interferir nas negociacións sobre as prazas de acceso

Solicitan a celebración dun pleno do comité urxente e monográfico para abordar esta cuestión

Ferrol -

A representación da CIG en Navantia Ferrol solicitou de xeito formal na secretaría do comité que se celebre pleno urxente e monográfico para abordar a solicitude de dimisión formulada pola central nacionalista. A demanda vén motivada polas declaracións realizadas en varias ocasións polo presidente do comité, Javier Galán, tanto nas negociacións coa empresa como a través dos medios de comunicación, "expresando sensacións, ideas ou posibilidades que non se axustan ao día a día do traballo das comisións do comité, interferindo negativamente nas negociacións coa dirección".

A sección sindical subliña que coa problemática de paro que hai nosa comarca de Ferrol e cun millar de familias directamente preocupadas coas prazas de acceso para operarios/as e empregados/as júnior "é unha absoluta irresponsabilidade trasladar aos medios de comunicación que todas as persoas que cursaron a solicitude ás prazas poderán realizar o exame. Cando iso non é certo".

Esa posibilidade, explican, foi proposta a principios de mes pola dirección, coa condición de se faceren os exames online, "condición que non aceptamos polos evidentes riscos de seguridade e transparencia". Xa o día 9 a dirección de Navantia na Ría trasladou á comisión que negocia sobre este tema que continúa traballando na loxística necesaria para a realización de exames presenciais.

Ao tempo, a comisión de Emprego estaba traballando na elaboración dun documento explicativo da situación actual de todas as convocatorias de prazas para trasladar publicamente pero, "nunha actuación desleal e partidista, o presidente do comité pretende acaparar un minuto de gloria entorpecendo as negociacións en curso. Non é a primeira vez . A labor do presidente debe ser a defensa das propostas da representación dos traballadores e traballadoras e non facer de portavoz das posturas da empresa".

A este respecto, os delegados e delegadas da CIG explican que as negociacións están a ser moito máis prolongadas e duras do que cabía imaxinar inicialmente, "mais estamos esperanzados en acadar melloras nos procesos de acceso a Navantia. Esiximos de todos os sindicatos colaboración para conseguir que todas as prazas de acceso a Navantia (persoal operario, empregado e titulado universitario) sexan convocadas como corresponde a unha empresa pública cuxos salarios saen do erario público. Isto é, a través dunha convocatoria pública e a través de oposición e concurso-oposición, tal e como aprobou a asemblea de traballadores/as. Iso é o que estamos a facer desde a CIG".

Volver