A CIG-Navantia pide anular as listas provisionais das prazas sénior pola falta de rigor de Manpower Group

Reclaman tamén a asunción de responsabilidades a nivel de grupo

Ferrol -

A sección sindical da CIG pide a anulación das listas provisionais de operarios/as sénior e que as novas listas provisionais sexan elaboradoras directamente por Navantia no menor prazo de tempo posíbel. Así mesmo, a central reclámalle ao director do estaleiro que esixa responsabilidades a nivel de grupo, pola falta de rigor na selección realizada por Manpower Group, empresa subcontratada para facer a xestión administrativa deste proceso.

A representación da CIG critica con dureza a actitude evasiva do director das instalacións que "non só obviou a necesidade de exixir que se asuman responsabilidades a nivel do Grupo, senón que mesmo ampara as persoas que xestionaron na Ría de Ferrol un proceso prexudicial para a imaxe de Navantia e para os intereses das persoas que participan nas distintas probas de selección na nosa comarca".

Neste senso, salientan que malia as mudanzas que se veñen de facer nas xefaturas de departamentos que estaban a ter un funcionamento correcto, "paradoxalmente o máis conflitivo, Recursos Humanos, non se toca".

Dende a sección sindical da CIG lembran que os comités de Fene e Ferrol remitiron un escrito a pasada semana á dirección rexeitando a falta de rigor profesional da empresa Manpower Group, na que Navantia "se escuda para xustificar as múltiples irregularidades detectadas na selección de operarios sénior".

Na xuntanza deste xoves, dende os comités trasladóuselle a actitude obstrucionista desa empresa en relación coa representación social, ao negarse a admitir o rexistro formal dunha queixa na sede que teñen en Ferrol. "Pois ben, o director de Navantia nin sequera asume a eliminación da subcontratación de Manpower Group", denuncian.

Diante disto, a sección sindical da CIG reitera a necesidade de anular as listas provisionais e que a propia Navantia elabore un novo listado provisional no menor tempo posíbel.

Volver