A CIG-Navantia reclama máis persoal de limpeza para garantir a hixienización correcta das instalacións

Advirten do incumprimento do protocolo e do esforzo que está a ralizar o persoal da empresa que presta este servizo
Ferrol - 12 Mai 2020

Ante as deficiencias no cumprimento do protocolo no relativo á limpeza e á hixienización de armarios individuais e aseos, a sección sindical da CIG en Navantia demanda un incremento do persoal da empresa que realiza estes traballos.

En todos os centros de Navantia, explican, foi a primeira medida que se tomou, agás en Ferrrol, de cara a reforzar un traballo clave para poder poñer en marcha as instalacións e que se poida comezar a traballar co seguridade e tranquilidade. En Fene, engaden, "como é lóxico" acaban de aumentar o persoal de cara a establecer unha terceira quenda, mais no caso do estaleiro de Ferrol "foron innumerábeis as veces que os traballadores/as, unha vez dentro, tiveron que esperar a que as instalación estiveran en condicións".

Estas situacións seguen a acontecer "e palíanse polo esforzo dos traballadores e das traballadoras da limpeza". Pero os problemas continúan e agravaranse nas próximas datas co entrada do 100% do persoal ás instalacións.

"O protocolo esixe a hixeinización de aseos e duchas, posto que poden ser un foco importante de contaxio, polo que hai que facer a limpeza máis frecuentemente que de costume, pero para iso hai que dispor de persoal suficiente para materializalo -cousa que entendemos non se está a facer-, e non sobrecargando a un cadro de persoal xa minguado", advirte a sección sindical da CIG.

Os problemas agravaranse nas próximas semanas

Para a vindeira semana preténdese incorporar a máis traballadores/as e, polo tanto, urxe corrixir este problema que dende a representación da CIG levan xa tempo reclamando. Neste sentido, volven facer un chamamento "para que non primen as directrices de porcentaxe de traballadores/as a incorporar, que está a pesar máis que a seguridade. Esiximos que só se chame a aquelas persoas que vaian ter traballo realmente. Non se trata de encher a fábrica para dar satisfacción a unha xefatura en Madrid que só ve números, non persoas e familias", critican.

De igual xeito, piden tamén na permanente a recuperación das comisións para tratar temas de conciliación, TES, teletraballo "e outras cuestións que poidan xurdir para que non se traten de forma individualizada como está a acontecer. Non hai razón para non facelo, hai medios e medidas que o permiten".