A CIG-Navantia valora positivamente o convenio colectivo e o aval dado polo persoal
A sección sindical da CIG en Navantia fai unha valoración positiva tanto das melloras acadadas no novo convenio colectivo como do aval maioritario dado polo persoal nas votacións realizadas a pasada semana. Como asinante do preacordo, a central nacionalista defendeu o voto favorábel a un texto no que se recollen as condicións das saídas e que estas estean ligadas a novas entradas.
“Por primeira vez no convenio asínanse as saídas con entrada, a través do contrato relevo, e cun complemento de até o 90%”, apuntan. Un convenio no que, ademais, se conseguiron mellorar as condicións do persoal que entra na factoría, tanto en redución de estancia nos niveis máis baixos como no 5% de plus que percibirán durante dous anos, para o técnico superior como para man de obra. E aclárase a clasificación do persoal técnico superior e do supervisor e mando.
Marcelino Amado, da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, destaca que contemplar as condicións das saídas e das entradas no texto do convenio era un dos obxectivos deste negociación, xa que “o persoal estaba marchando mediante saídas traumáticas obrigatorias, que agora serán bonificadas a partir dos 61 e voluntarias e con relevo, o que garante o nivel dos cadros de persoal de cada centro de traballo”.
Xunto a isto, estabelécese por vez primeira a estrutura salarial do persoal técnico superior, que carecían dela, e asínase un salario de referencia que encadrará a todo o colectivo.
Prodúcense avances tamén na flexibilidade horaria na entrada para facilitar a conciliación, melloras as licencias retribuídas, incorporación e mellora nas xornadas de Carenas, regúlanse as xornadas do persoal técnico superior en fin de semana, as quendas en actividades produtivas, a bonificación das quendas ligada á rotación, recóllense melloras do complemento de xubilación nalgunhas situacións, etc.
“Como en todas as plataformas, indica Amado, hai cuestións non logramos nesta negociación, pero a valoración é positiva tanto no acadado para este convenio como no resultado da votación, pois o persoal de todos os centros, agás Cartaxena, avalou o si”.
Tras do referendo, a representación da CIG en Navantia exixe que o convenio se materialice canto antes e de maneira inmediata que se comece a negociar o plan de empresa. As reivindicacións da central nacionalista, alén de demanda de carga de traballo, estarán centradas no dique de Carenas, fundamental para o futuro do estaleiro, e no incremento do cadro de persoal.