A RPT proposta polo goberno de Lugo "contén moitos e moi relevantes erros"

A Sección Sindical da CIG no Concello manifesta a súa desconformidade co documento
Lugo - 16 Xan 2017

A Sección Sindical da CIG no Concello de Lugo manifesta a súa desconformidade coa proposta de Relación de Postos de Traballo presentada polo goberno municipal o pasado 10 de xaneiro. Unha proposta da que rexeitan tanto "as súas liñas troncais e xerais, canto no relativo aos factores e valoración dos complementos recollidos", chegando mesmo a pór en dúbida a súa legalidade.

Esta proposta, explican dende a Sección Sindical, contén "moitos e moi relevantes erros, e o seu estudo, análise e debate excede con moito o calendario previsto pola administración para tratar coa profundidade e dedicación mínima que un documento tan transcendente coma este merece". Lembran que nin sequera acompaña a este “borrador” o único acordo sindical previo existente canto aos factores a incorporar na RPT.

Pola contra, entenden que este documento recolle "xenerosas xefaturas (mesmo algunhas encubertas), postos de traballos en categorías que non lles corresponden, descricións de postos de traballo de dubidoso encaixe e, en fin, unha tramitación global que máis semella responder a criterios extralaborais e políticos ca a unha verdadeira intención por parte do goberno municipal de aprobar un dos documentos básicos para o funcionamento da institución".

A este respecto, apuntan á responsabilidade do grupo de goberno ao presentar un documento que non reúne os mínimos requisitos de calidade, "pretendendo a conivencia dos sindicatos na aprobación e mesmo redacción dun texto conscientemente cativo, ineficaz e inútil".