A CIG no Concello de Vigo alerta dun novo peche no parque de bombeiros de Coruxo por falta de persoal

Vigo - 24 Xul 2023

A sección sindical da CIG do Concello de Vigo alerta que o pasado 21 de xullo desde ás 22 horas até o día 22 de xullo ás 22 horas o parque de bombeiros/as da zona de Coruxo permaneceu pechado por falta de persoal. A representación da CIG denuncia, unha vez máis, o desleixo e a falta de responsabilidade por parte do Goberno municipal na procura dunha solución a un problema que xa se converteu en crónico.

Neste senso, subliñan que esta non á primeira vez que o parque de Coruxo pecha por non ter efectivos suficientes e critican que a corporación municipal "está a incumprir os mínimos por ela mesma aprobados para garantir de forma mínima a seguridade da cidadanía". Engaden que o déficit de efectivos no servizo de extinción de incendios pon "en serio risco a seguridade ao aumentarse considerabelmente os tempos de resposta perante un sinistro ou ao deixar a cidade de Vigo durante un período de 24 horas apenas cunha primeira saída (1 condutor/a, 1 mando e 4 bombeiros/as)".

Neste contexto, critican que "a gravidade é aínda maior pola pasividade á hora de resolver o problema". A sección sindical da CIG lembra que as ofertas de emprego de persoal bombeiro dos anos 2020-2021-2022 están sen executar e a de 2023, que podería estar xa en marcha, está paralizada, "e por se isto fora pouco as bases das oposicións están paralizadas desde o 30 de xuño de 2022".

Por todo isto, solicitan do Goberno e do seu máximo representante "que utilice dunha forma áxil a súa maioría absoluta para resolver dunha vez este problema crónico no servizo de bombeiros de Vigo. Pero para iso deberán de tratar coa madurez suficiente este asunto e polo na axenda de forma prioritaria nunha axenda municipal chea de eventos con moito glamour e festividade".