A CIG non asina o acordo do ERE do BBVA que mantén os despedimentos cando hai alternativas menos traumáticas

A central pide someter o documento a referendo do persoal

Galiza -

A CIG non asinou o preacordo para o ERE formulado polo BBVA porque mantén os despedimentos que, no caso galego, poderían ser resoltos cunha alternativa menos traumática e de menor impacto social. A central pon en valor a contundente resposta dos traballadores e das traballadoras ás convocatorias de mobilizacións e folgas, o que  obrigou a empresa a mover as súas propostas na mesa de negociación e, por iso, demanda que se lle permita ao persoal ter a última palabra sobre a sinatura do acordo, someténdoo a un referendo aberto e democrático.

En  previsión do que ía acontecer na mesa de negociación, a CIG realizou esta tarde concentracións de urxencia diante de oficinas do BBVA na Coruña, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense para amosar o rexeitamento ao ERE, que en Galiza suporá a saída de 101 persoas, e aos expedientes de modificación substancial das condicións laborais e de mobilidade xeográfica.

"O ERE non nos vale e tampouco compartimos a visión dos sindicatos que o avalan: hai despedimentos e precarízanse as condicións do persoal que quedan, nomeadamente na atención en remoto", critica o secretario da sección sindical da CIG, Miguel Fernández, quen engade que pouco avance supón despedir a compañeiros e compañeiras de menos de 50 anos, pois se o banco considera que hai un excedente de persoal, pode solventalo "con saídas que sexan verdadeiramente voluntarias e primadas  para os/as traballadores/as de máis de 60 anos. Unha alternativa menos traumática e de menor custe social".

A este respecto, Fernández lembra que unha das causas esgrimidas polo banco para o expediente de extinción é a suposta baixada da carga de traballo polo cambio de hábitos da clientela. Porén, ao tempo que negocia os despedimentos, o BBVA "pretende incrementar dun xeito brutal a xornada do persoal que queda na entidade, rebentando definitivamente os horarios de convenio".

É dicir, o BBVA aprovéitase das facilidades introducidas pola reforma laboral (que o goberno español mantén plenamente vixente) para desfacerse de miles de traballadoras/es e empeorarlle as condicións ao persoal que queda, aplicándolle modificacións horarias e mobilidade xeográfica, cando o banco obtivo beneficios mil millonarios, a cúpula directiva se subiu os salarios de maneira escandalosa e mentres deixa sen acceso aos servizos financeiros a amplos sectores sociais (nomeadamente ás zonas rurais e ás persoas maiores e ás que teñen máis dificultades para manexarse na banca dixital).

"A convocatoria de folga en Galiza, Catalunya e Euskal Herria que, coma o banco recoñeceu, tivo un seguimento masivo, obrigou a outros sindicatos a moverse e ao BBVA a negociar máis alá do previsto. Resulta totalmente inexplicábel que despois do éxito das folgas, non se mantivera a presión sindical, malia que a CIG propuxo distintas alternativas para seguir mobilizándonos. De telo feito o acordo sería mellor", conclúe Fernández.

Volver