A CIG “non” asina o borrador do anteproxento de Lei da Función Pública

Considera que non mellora as condicións laborais do persoal das administracións públicas
Nacional - 03 Mar 2023

O pasado 1 de marzo celebrouse a reunión da Mesa Xeral de Negociación da Administración Xeral do Estado (art, 36,3 TREBEP) na que foi aprobado, cos votos a favor de CCOO e UGT e cos votos en contra de CIG, ELA e CSIF, o borrador do anteproxecto da Ley de Función Pública. A CIG-Administración denuncia que se pretendía que a central sindical o asinara nunha xuntanza que foi “convocada con menos de 24 horas de antelación” e sen, sequera, “ter o documento”.

A CIG-Administración denuncia a estratexia tanto da Administración, como de CCOO e UGT, de intentar vincular a Lei de Función Pública ao “Acordo Marco para una Administración do Século XXI”, asinado no mes de outubro con estas centrais sindicais. Unha lei que está pendente de desenvolver desde aprobación do EBEP hai 15 anos.

Para a CIG-Administración, “se o goberno tramita esta lei cremos que dun xeito precipitado, é por acollerse aos fondos europeos”. Explica que este anteproxecto de lei vén refundir toda a dispersión normativa que regula a función pública e, nunha porcentaxe menor, desenvolve novos puntos recollidos no EBEP. “Se ben é certo que agora comeza un proceso de tramitación parlamentaria, que presumiblemente modificará o texto”, estas son as novidades máis salientables recollidas no texto:

  • Avaliación do desempeño.- Para a CIG é un dos piares fundamentais desta lei. Consiste nun procedemento que medirá a conduta profesional e o rendemento dos empregados e empregadas públicas. Esta avaliación do desempeño marcará as retribucións, carreira profesional, promoción, formación, concursos e mobilidade. Esta lei non contempla a representación sindical na Comisión de Coordinación da Avaliación do Desempeño, algo que considera innegociable para garantir a transparencia nos sistemas de avaliación.

Tampouco recolle cal vai ser modelo de avaliación a seguir, deixando pendente o seu desenvolvemento regulamentario. A CIG-Administración entende que a utilización desta “ferramenta” levará a situación arbitrarias e inxustas.

  • Carreira profesional.- Está condicionada a avaliación do desempeño, e non establece as contías económicas.
  • Areas funcionais.- Novo concepto creado para poder mover aos empregados/as con, ou sen, o seu consentimento. Esta lei non delimita nin define o seu ámbito (centro de traballo, localidade…). Un empregado/a poderá ser movido do seu posto, xa que pode estar incluído nunha ou varias áreas funcionais. Tamén queda pendente o seu desenvolvemento regulamentario.
  • Persoal directivo.- Un dos poucos temas que non deixa pendente para desenvolver regulamentariamente (Capitulo III), Subdirectores Xerais serán “persoal directivo” e Subdirectores Adxuntos, “persoal predirectivo”.

A CIG sempre rexeitou o art.13 do EBEP na súa totalidade, onde vén recollida esta figura, que deixa fóra de calquera control e negociación sindical tanto o réxime xurídico que o regule, como as súas condicións retributivas, algo que a CIG-Administración considera "escandaloso, e que ningún sindicato, só a CIG denuncia".

  • Retribucións.- Segue sen garantir a cláusula de revisión salarial. Esta lei non aborda a simplificación dos conceptos retributivos, nin garante a homoxeneización de salarios dos diferentes ministerios, mecanismos de recuperación da perda do poder adquisitivo e segue mantendo un sistema retributivo atomizado.
  • Salario Diferido.- Xa sen disimulo, este goberno “progresista” aposta polos plans de pensións privados e contratos de seguro; no art. 97 recoñece xa dun xeito manifesto a consideracións de “retribucións diferidas” a aportacións aos plans de pensións privados. É dicir, computan como subas salariais.

A CIG-Administración lembra que desde o ano 2004, o BBVA, xunto con CCOO e UGT, xestionan un Plan de Pensións que desde o 2012 non recibe ningún tipo de aportación e que ten un fondo de máis de 600 millóns de euros.

  • Xornada laboral.- Non recoñece a xornada de 35 horas.
  • Xubilación parcial.- Segue se abordar este tema, sen ningún tipo de xustificación. Nin a xubilación obrigatoria aos 65 anos.
  • Mobilidade.- Abre a posibilidade da “mobilidade forzosa” do persoal (art. 63) a nivel ministerial e intraadministrativa xa que no delimita o ámbito.
  • Atribución temporal de funcións.- Poderanse atribuír funcións temporais ao persoal que non lle son propias non recoñecidas na relación de postos de traballo.
  • Ofertas de emprego público.- Segue sen garantir que as convocatorias se fagan o mesmo ano que a aprobación da oferta.
  • Regulamentos.- Esta lei esta chea de xeneralidades que deixan ao desenvolvemento dos regulamentos temas de vital importancia e que son os que marcaran a lei.

A CIG-Administracións conclúe afirmando que non asina esta lei “porque non mellora as condicións de traballo dos/as empregados públicos”.