A CIG non asina o convenio do metal pontevedrés porque precariza sector e supón perda de poder adquisitivo

Dende a central aseguran non entender as présas de CCOO e UGT para pactar un acordo coa patronal “con nocturnidade e aleivosía”
Pontevedra - 07 Xul 2017

A federación de Industria da CIG rexeitou asinar este venres o preacordo de convenio provincial da siderometalurxia de Pontevedra porque precariza o sector e supón unha perda de poder adquisitivo para os traballadores/as. Dende a central aseguran non entender as présas de CCOO e UGT para pactar coa patronal e acusan a estes dous sindicatos de facelo “con nocturnidade e aleivosía”.

Os representantes da CIG-Industria na mesa negociadora negáronse a ratificar o preacordo alcanzado na madrugada deste venres entre CCOO e a patronal ao entender que non cumpre as expectativas: precariza aínda máis as condicións laborais e non garante a recuperación do poder adquisitivo perdido polos traballadores/as nos últimos anos. “Ademais, as partes non se comprometeron a que o convenio asinado sexa de mínimos para todo o sector, polo que mañá poden asinar calquera convenio de empresa por debaixo destas condicións, o que nos levará a unha cada vez maior precarización”, denuncian.

Ao mesmo tempo, din non entender as présas de CCOO e UGT en asinar “este mal acordo” tras 15 xuntanzas, “cando os compañeiros/as da provincia da Coruña levan tres anos negociando, fixeron catro xornadas de folga e teñen convocadas outras catro”. Consideran que o lóxico tería sido compaxinado as dúas negociacións para conseguir mellores acordos nos dous convenios.

Lembran que as tres centrais centraran a negociación do convenio pontevedrés en rematar coa precariedade no sector, para o que pactaran un serie de medidas como a regulación das empresas multiservizos, a subrogación do persoal en empresas públicas en privadas coas mesmas condicións laborais e a mellora do plus por traballos especiais. 

Non se regulan   as empresas multiservizos, creadas polas  ETT para lograr maior beneficio    a costa do traballador

As empresas multiservizos foron creadas polas ETT para lograr maiores beneficios a costa dos traballadores/as que ceden a outras empresas, xa que o persoal de ETT tería que cobrar o mesmo que o da compañía principal, pero as de multiservizos pagan unicamente o Salario Mínimo Interprofesional. “Isto provoca que as empresas tradicionais queden sen carga de traballo, e os operarios/as vense na obriga de aceptar as condicións de miseria das multiservizos tras pasar unha tempada no paro, o que afonda na precarización do sector”.

Outro aspecto fundamental é a subrogación, que as centrais pretendían que fose tanto nas empresas públicas como nas privadas, para que unha vez rematada a concesión o persoal teña que ser asumido pola nova empresa nas mesmas condicións laborais. “Isto evitaría que a nova empresa se desfixese do persoal con antigüidade e mellores condicións e o substituíse por man de obra barata”. Ademais, sinalan que deste xeito tamén se poría freo á competencia desleal entre compañías, “obrigándoas a competer en igualdade de condicións que as tradicionais”.

Finalmente, aspiraban a regular o articulado do plus de traballos especiais (tóxico, penoso e perigoso), xa que agora unhas empresas abónano e outras non. “Propoñíamos que aqueles/as traballadores/as que a pesar das medidas colectivas de prevención de riscos tivesen que utilizar algún equipo de protección individual cobrasen este plus”.

Perda de poder adquisitivo

En canto á cuestión salarial, o obxectivo era recuperar o poder adquisitivo perdido -que nos últimos convenios fora do 2,75%- e a cláusula de revisión salarial. Mais o preacordo asinado por CCOO e UGT fixa unha suba do 2% para 2017, do 1,25% para 2018 e do 1,25% para 2019. “Porcentaxes que están moi por debaixo do encarecemento da vida, cando o IPC vai andar sobre o 2%, o que supón unha clara perda de poder adquisitivo”. Tamén critican que a cláusula de revisión pactada non vaia supoñer na realidade a recuperación da perda de poder adquisitivo.

Por se fose pouco, o novo convenio fixa unha rebaixa dos soldos dos contratos de formación -de dous anos de duración e aplicábeis a traballadores/as de até 26 anos-, que pasarán de 707,70 euros ao mes a 530,95. “Deste xeito as empresas conseguen man de obra barata sen ningún tipo de garantía de contratación posterior, xa que pasados os dous anos bótanos/as á rúa e contratan outros/as no seu lugar”. 

Os soldos dos contratos de formación baixan de 707,70 euros ao mes a 530,95

Precisamente os tres sindicatos acordaran varias propostas no caso de non lograr o amento salarial ao que aspiraban, como eran a mellora nas baixas por enfermidade (pasando a cobrar o 60% do soldo nos tres primeiros días e o 90% a partir do día 50) e a redución da xornada laboral anual en dous días, “xa que temos a xornada máis alta de todos os convenios do Estado español: 1776 horas ao ano, cando en Nafarroa, por exemplo, é de 1695”.Ningunha destas cuestións foi introducida no convenio.

No convenio acordado tampouco se incorporaron outras propostas que non tiñan custe económico para as empresas, como melloras nas licenzas e nos desprazamentos. No primeiro caso o obxectivo era que os dous días libres en caso de accidente, enfermidade ou hospitalización se puidesen gozar mentres durase o feito causante; e que as 22 horas anuais para ir ao médico/a se puidesen utilizar tamén para acompañar a cónxuxe embarazada, fillos/as ou parentes dependentes ao médico/a ou aos especialistas da Seguridade Social.

No caso dos desprazamentos, o que se pedía e que naqueles superiores a tres meses o traballador/a fose preavisado con 10 días laborábeis de antelación, e nos de entre sete días e tres meses o preaviso fose cinco días antes. “Porque na actualidade avísante dun día para outro que vas marchar desprazado varios meses do teu domicilio”, censuran.