A CIG non asina o convenio do siderometal ourensán ao fixar suba salarial e redución de xornada insuficientes

O acordo de CCOO e UGT coa patronal está moi por debaixo das pretensións iniciais das tres centrais

Ourense -

Delegados/as da CIG no sector do siderometal da provincia de Ourense decidiron onte en asemblea non asinar o convenio colectivo para este ano pactado por CCOO e UGT coa patronal xa que contempla un aumento salarial e unha redución de xornada insuficientes, e que quedan moi lonxe das pretensións iniciais dos tres sindicatos.

Dende a CIG sinalan que CCOO e UGT non respectaron o acordo de mínimos que asinado polas tres centrais que recollía as principais reivindicacións para o convenio: vixencia dun ano, incremento salarial do 3% con cláusula de revisión e redución da xornada anual en dous días.

Na última xuntanza a patronal ofreceu un aumento de soldos do 1%, que elevou ao 1,5% tras un receso, aínda que esa suba se aplicará unicamente a partir do mes de xullo, o que supón un aumento de só un 0,75% no conxunto do ano e significa que as empresas non van abonar os atrasos xerados dende xaneiro.

A CIG-Industria denunciara o convenio en setembro precisamente para comezar as conversas en xaneiro e que non xerasen atrasos, “porque era a escusa que sempre poñía o empresariado para non aceptar as propostas dos sindicatos”. Pero a patronal convocou a parte social en abril, e logo rompeu unilateralmente as conversas até xullo.

Un día extraordinario de redución de xornada

“Dende a CIG baixamos as nosas pretensións, non nos mantivemos inamovíbeis dentro do acordo asinado polas tres centrais, pero puxemos un límite: non asinariamos por menos dun 2% de incremento salarial, e con carácter retroactivo. A patronal negouse en rotundo e dixo que non ían variar a súa oferta”, indican dende a CIG-Industria de Ourense.

Ademais, o convenio acordado polos sindicatos estatais e o empresariado contempla tamén un día de redución de xornada, pero con carácter extraordinario, polo que o ano que vén quedará sen efecto. “É un convenio que está moi por debaixo das pretensións iniciais, tanto nosas como de CCOO e UGT, polo que os nosos delegados/as decidiron non asinar”, rematan.

Volver