A CIG non asina o convenio estatal da industria química por non recoller ningunha mellora económica ou social

Gran parte do acordo é unha simple adaptación do texto á norma actual

Nacional -

No día onte, 10 de maio, a patronal do sector e CCOO e UGT asinaban o XX convenio estatal da industria química, que a CIG non ratificou por entender que non recolle melloras significativas das condicións laborais e económicas dos traballadores e traballadoras, posto que gran parte do acordo é unha simple adaptación do texto á normativa actual.

Neste senso, a CIG critica que as asociacións empresariais aproveitaran a crise sanitaria para avanzar na precarización das condicións do persoal, cando moitos dos sectores nos que se aplica o convenio non están afectados ou incluso algúns, como a actividade farmacéutica, viron incrementada a súa facturación no último ano.

A modificación da clasificación profesional, para unha comisión

Neste senso, Alberte Amado, da executiva da CIG-Industria, subliña que no acordo non se recolle ningunha melloras substanciais en materia de conciliación, xornada, limitacións á contratación temporal e parcial, eliminacións das ETT, garantías de condicións salariais e de xornada nas subcontratas, incorporación de cláusulas de subrogación, melloras nas licencias ou unha regulación do teletraballo máis garantista. Xunto a isto, denuncia que "de maneira inxustificábel deixan a modificación da clasificación profesional para unha comisión despois de asinar o convenio, a pesares que a mesma é fundamental para as condicións económicas dos traballadores/as do sector".

En canto á parte económica, as centrais sindicas españolas validan o modelo de incremento salarial da patronal que, malia o convenio xa estar asinado en maio, non se aplicará até xullo, o que supón unha perda salarial para o persoal. Ademais incorpórase unha cláusula de revisión acumulada a tres anos que terá efecto soamente se o IPC real supera a suma dos incrementos pactados para 2021, 2022 e 2023 (1%, 2% e 2% respectivamente), pero que non ten carácter reatroactivo.

Fronte a este modelo, a CIG reivindicou durante a negociación un incremento liñal do 3% no salario medio de táboas, con aplicación dunha cláusula de garantía salarial en base ás diferenzas dos IPC reais en cada ano. E xunto a isto, mellorar as condicións económicas para os desprazamentos ao estranxeiro, creando unha compensación económica e dietas.

Sen cláusula de ultraactividade

Para Amado estamos ante un convenio que constitúe "un paso máis para seguir precarizando as traballadoras e traballadores do sector", desta volta coa escusa da crise derivada da pandemia do coronavirus.

A este respecto, critica que a patronal do sector sempre se gabou de que este é un convenio exemplar na negociación colectiva "cando non é para nada, pois no articulado non hai nin unha soa medida para minimizar o impacto da reforma laboral, a tal punto que nin sequera se recolle unha cláusula de ultraactividade, cuestión primordial para poder abordar a próxima negociación con tranquilidade, xa que o PP limitou a vixencia dos convenios a un ano. E incluso agora que se comeza a falar da redución da xornada semanal, a patronal negouse en redondo a entrar a valorar as nosas propostas neste sentido".

A CIG defende a necesidade de avanzar no marco de relacións laborais galego e que os convenios colectivos sexan negociados en Galiza para facilitar a información, a participación e a toma de decisións dos traballadores e das traballadoras sobre as súas condicións laborais.

Volver