A CIG non asina o convenio estatal de industrias lácteas por non garantir salarios dignos nin avanzar no dereito ao descanso e á conciliación
A CIG non participa da sinatura do convenio estatal de industrias lácteas por entender que o texto final non recolle as demandas do persoal galego e non se avanza o suficiente en cuestións como a limitación do número máximo de domingos traballados, a exclusión do traballo en sábados da xornada flexíbel, a ampliación de permisos, non se garante o acceso á xubilación anticipada, non mellora o complemento de nocturnidade, e o incremento salarial resulta insuficiente, xa que a revisión salarial está topada e hai posibilidades dunha conxelación real ao permitirse a compensación e absorción doutros conceptos retributivos á hora de aplicar as subas.
A decisión de non avalar o convenio que hoxe se asinará (con vixencia 2025-2028) adoptouse tras consultar coa representación da CIG nas distintas empresas do sector, que entendeu que o texto final non dá reposta ás necesidades e demandas do persoal. Malia incorporarse pequenos avances como a redución da xornada ás 1746h/ano no último ano do convenio e de rebaixar de 120h a 90h anuais o tempo máximo para a distribución irregular da xornada.
Neste senso, a CIG considera que durante a negociación non se acadaron as demandas sociais relativas aos descansos e conciliación, ao non garantirse a exclusión do traballo nos sábados na distribución irregular da xornada, non se regula unha redución do número de domingos traballados nin se limita o número de domingos mensuais, que ademais non se compensan cunha contía superior. Ademais, o cálculo da nocturnidade queda ao arbitrio das empresas, ao non fixarse unha fórmula que evite interpretacións particulares.
Tampouco se melloran os permisos para a asistencia médica e o acompañamento de familiares menores e dependentes; non se garante o acceso á xubilación parcial das persoas traballadoras aínda que reúnan os requisitos para ter este dereito; non se garante unha redución da xornada prevista no convenio no caso de que se aprobe unha normativa neste camiño; e non se melloran tampouco as coberturas nos casos de incapacidade temporal.
Revisión topada
No aspecto económico, o convenio asinado marca un incremento económico do 3% para 2025, e do 2,8% para os anos 2026, 2027 e 2028, cunha revisión salarial con efectos retroactivos no caso de que o IPC supere as subas, pero topada ao 4%. É dicir, non se garante o mantemento do poder adquisitivo dos salarios, xa que toda diferencia co IPC que supere o 4% non se cobrará nos atrasos.
A isto súmase “a obsesión das empresas” para formalizar unha ‘conxelación’ nos salarios do sector mediante o desenvolvemento dos artigos da compensación e absorción establecidos no convenio “que supoñen unha invitación á precariedade”.