A CIG non asina o novo ERTE de INCOGA e levará adiante as accións precisas para evitar que se execute

A empresa, do sector da construción, aínda ten vixente un ERTE de forza maior

A Coruña -

A CIG rexeita rotundamente o novo ERTE por causas económicas e produtivas presentado por INCOGA, que se suma ao ERTE de forza maior que a empresa aínda está aplicando, e que suporá mandar ao desemprego a maioría do persoal durante un ano (afecta a 92 traballadores/as de 110), xa que ten vixencia até o 30 de xuño de 2022.

A Federación de Construción e Madeira da CIG considera este ERTE "un auténtico atropelo" e lamenta que a representación da UGT (que ten cinco delegados/as no comité fronte aos catro da CIG) se pregara a asinar o expediente "xa na segunda reunión, sen negociar nada e aceptando punto por punto a proposta final que trouxo a empresa, sen consultala sequera co persoal".

A empresa non quixo valorar outras alternativas

O secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, apunta que este ERTE (o terceiro en tres anos que aplica INCOGA) non ten motivación e que se podería evitar cun reparto equilibrado da carga de traballo, eliminando as horas extras e as subcontratas (ao que, subliña, xa obriga a Lei),  creando un correquendas para devolverlle ao persoal as vacacións pendentes e rotando no actual ERTE de forza maior a aqueles traballadores/as que non foron afectados.

"Trasladámoslles estas propostas á empresa, así como a disposición a sentar novamente en setembro se persisten os problemas, pero non quixeron entrar a valorar nada. Incluso nos aseguraron que pecharon obras nas que sabemos que se está traballando e mesmo tiveron a ousadía de asegurar que en INCOGA non se fan horas extra", denuncia.

Mala fe na negociación

Maceiras destaca que a sangría que leva anos sufrindo a empresa non procede dunha baixada puntual de traballo de GOA (que é a escusa invocada para xustificar o ERTE), senón da área chamada “desenvolvemento de mercado”  que, paradoxalmente non está afectada polas regulacións e para a que incluso se ofertan postos de traballo nos portais web de emprego.

 Xunto a isto, denuncia a mala fe negociadora da empresa, que durante as reunións ocultou datos e trasladou a documentación sen tempo suficiente para analizala nin interpretala.

Ante este cúmulo de despropósitos, da falta de xustificación para aplicar unha nova regulación de emprego, e recollendo o sentir amplo da maioría do persoal, a CIG non asinou o ERTE e advirte que levará adiante todas as accións para paralizalo e restituír os dereitos dos traballadores  e das traballadoras.

Volver