A CIG non asina o preacordo do convenio da sanidade privada da Coruña por non dignificar as condicións salariais e laborais

A Coruña - 23 Mai 2024

A CIG-Saúde non asinou o preacordo acadado no día de onte para o convenio colectivo da sanidade privada da provincia da Coruña por consideralo insuficiente, non dignificar as condicións salariais e laborais das traballadoras, e non recoller reivindicacións fundamentais para esta negociación. Co documento asinado entre a patronal e os sindicatos UGT e CCOO finaliza a mediación aberta o pasado 6 de maio, en cuxo marco a CIG entende que aínda había marxe para seguir negociando e avanzando no recoñecemento de dereitos para o sector.

A CIG, explica o responsábel de Negociación Colectiva da federación de Saúde, Miguel Tizón, decidiu non asinar o preacordo porque contempla unhas táboas salariais claramente insuficientes: un 14% de suba en 4 anos, o que significa "que non chegan nin no último ano de vixencia ao SMI nas categorías mais baixas". Xunto a isto, critica que o importe de 10 euros pactado para o pago no traballo en domingos "non chega ao aceptábel, sendo incluso menor ao actual pago dos festivos" e tampouco se recolle a actualización da clasificación profesional, "que está obsoleta e segue sen adaptarse ás titulacións actuais".

Ademais, a patronal negouse a modificar redaccións do articulado como a que estende o goce das vacacións aos meses comprendidos entre maio e outubro (a CIG solicitaba recoller só de xuño a setembro). E tampouco se clarifica que o goce dos permisos será en días de traballo sen incluír as libranzas, unha cuestión que xera moita problemática nos centros de traballo á hora da concesión dos permisos.

A loita do persoal conseguiu frear os recortes e incluír melloras no convenio

Tizón salienta que todas as melloras acadadas nesta negociación foron posíbeis grazas a loita continua e intensa protagonizada polas traballadoras e traballadoras do sector nos últimos meses. "Manter o conflito, que a CIG apoiou sen ambigüidade, con concentracións diante dos principais hospitais privados e co nove xornadas de folga que tiveron un seguimento maioritario, impediu que a patronal impuxera os recortes de dereitos que pretendía para este convenio", valora.

Engade que foi a CIG-Saúde quen "propuxo e mantivo até o último minuto da negociación" a idea innegociábel de incorporar o cobro dos domingos ao convenio, referenciar de xeito especifico no plus de toxicidade ao persoal da clínicas, ou incorporar ferramentas para que ningunha categoría quedara fóra do incremento salarial (a través dun plus de equidade). Melloras que, aínda que de maneira insuficiente, se incorporan ao convenio. Non obstante, a CIG tamén reclamou que a xornada tivera un límite semanal, mais esta demanda nin sequera se recolle no preacordo.

A este respecto, Miguel Tizón reitera que "quen mantivo a presión coas propostas e traballou arreo tanto na mesa de negociación como mantendo o conflito na rúa para conseguir o mellor acordo, foi a CIG". E lamenta que con esta sinatura de UGT e CCOO "se impedise que a presión exercida polas traballadoras da sanidade privada servira para dar un salto cara adiante na mellora deste convenio".