A CIG non asinará o acordo para regular o teletraballo nas administracións públicas

Rexeita que se formule como medida de conciliación e demanda evitar a súa feminización

Nacional -

A Área Pública da CIG non asinará o acordo co Ministerio de Administracións Públicas sobre traballo a distancia tras fracasar as negociacións na Mesa Xeral. O seu portavoz, Xabier Picón, explica que o Ministerio presentou unha proposta inicial “bastante cativa” á que a central sindical presentou unha serie de alegacións que “foron asumidas en boa parte” pero só para a súa inclusión na exposición de motivos, mais “sen carácter vinculante para as distintas administracións públicas”. Fronte a isto, a CIG demanda que se teñan en conta para a súa inclusión no articulado e que obriguen ás administracións ao seu cumprimento. Demanda coa que coinciden as outras organizacións sindicais presentes na mesa de negociación.

Entre outras cuestións, a Área Pública da CIG defende que a regulamentación do teletraballo non pode significar unha redución de dereitos das persoas administradas, nin das persoas empregadas públicas. Entende que “a modalidade de traballo en remoto non pode supor para a cidadanía unha brecha dixital coas administracións”, polo que demanda que estea garantida, en todo caso, a atención presencial permanente.

Por iso considera que a lei debe incluír a matización de que a modalidade de teletraballo non será considerada ordinaria, nin absoluta. Isto é, cada administración deberá analizar en cada ámbito e recoller na normativa reguladora, a porcentaxe de servizos que poden desenvolverse a distancia, combinando a presencialidade e o teletraballo.

Impacto de xénero

Advirte ademais que esta modificación no EBEP non pode ser utilizada para “afondar na privatización de servizos públicos” nin formularse como unha medida de conciliación, polo que “non pode substituír as medidas específicas de conciliación da vida laboral e familiar”.

De feito, a central sindical parte da necesidade de que se faga unha avaliación do impacto de xénero e que se inclúan medidas de perspectiva de xénero que garantan a “non feminización desta modalidade de traballo”.

Voluntario e con dereito a desconexión

Para a central sindical tamén é necesario que se inclúa expresamente que o traballo a distancia ten quer “voluntario e reversible” e que non debe comprender a totalidade do horario laboral. Isto xunto co recoñecemento do dereito á desconexión dixital, subliñándose que “en ningún caso a administración poderá exixir a realización de tarefas nin recepción de documentación fóra do horario laboral”.

Debe ser ademais, a administración, que facilite, instale e manteña os equipos, aplicacións e conexións asumindo o custo de pór á súa disposición un espazo na vivenda da persoa traballadora e a adquisición de mobiliario.

Inviolabilidade do domicilio

A Área Pública da CIG demanda tamén que os dispositivos facilitados garantan a inviolabilidade do domicilio, “quedando expresamente prohibidos o uso de videocámaras, micrófonos ou programas de control, seguimento e monitorización do traballo”.

En todo caso, as administración teñen que estar obrigadas a proporcionar formación previa e continua ás traballadoras nas competencias dixitais necesarias para a prestación do traballo remoto; ten que garantirse o cumprimento das medidas de prevención, con avaliación dos espazos e lugares nos que se vai desenvolver a actividade.

Canles de comunicación

Xunto a estas cuestión, a CIG defende o establecemento de canles de comunicación e participación coa representación do persoal, facilitando a administración sistemas de comunicación instantánea, así como medidas de control e seguimento específico desta actividade.

A administración debe estar obrigada ademais a contratar un seguro que cubra as posibles incidencias no relativo á lei de protección de datos.

Volver