
A CIG non avala a proposta definitiva do protocolo de acoso do SERGAS

O pasado 21 de febreiro, no seo da Comisión Técnica de Igualdade, presentouse por parte da Administración un novo protocolo de actuación fronte ao acoso sexual, acoso por razón de sexo, de orientación sexual, de identidade sexual, de expresión de xénero e características sexuais, así como a discriminación das persoas LGTBI. Proposta que non avalou a CIG-Saúde ao non se recoller as alegacións que presentou no decurso da negociación.
O documento non contempla, tal e como viña demandando a CIG-Saúde, a unificación do procedemento de acoso laboral actual co de acoso sexual, o que entende que “pode provocar é que quede sen tramitar un caso de acoso porque a traballadora non optou polo protocolo que debera”.
A Administración pretende implantar este novo protocolo de acoso sexual, mantendo sen actualizar o protocolo de acoso laboral actual, que non está actualizado coa normativa vixente e que ademais solápase en varios aspectos co novo protocolo de acoso sexual.
Comisión instrutora
CIG-Saúde explica que o novo protocolo non contempla que as organizacións sindicais sexan membros da comisión instrutora, tal e como están a facer ata o de agora, evitando así que se vele polo cumprimento do protocolo de forma directa en cada caso.
No referente á nova canle de denuncias, considera que o procedemento non é claro, “o cal vai provocar unha dificultade engadida na presentación de denuncias. Con isto a Administración oculta a realidade, xa que haberá denuncias que no se presenten e medidas preventivas que non se tomen”.
Por parte da Administración, denuncia que “non hai unha planificación de formación específica para as persoas implicadas ou designadas” para desenvolver o protocolo e para elaborar as medidas de actuación do procedemento, “como tampouco para o resto de persoas traballadoras”.
CIG-Saúde lembra ademais que a responsabilidade da implantación da actualización e dos protocolos de acoso é da Dirección Xeral de Recursos Humanos que asegura que “leva desde o 2022 incumprindo o acordado no Plan de Igualdade”.
Xunto a isto denuncia que transcorridos case 15 días da presentación e acordo do protocolo de acoso non avalado pola CIG, a Administración segue sen publicar o documento definitivo.
“A Consellería de Sanidade é unha irresponsable en materia de igualdade e menospreza a protección da muller traballadora no SERGAS”
CIG-Saúde denuncia que no SERGAS “continuamos con avaliacións de riscos dos postos de traballo que non se fan e que non contemplan a identificación e intervención de riscos con enfoque de xénero e tendo en conta as tipoloxías de violencias”.
Como tamén denuncia que a vixencia do plan de igualdade terminou no mes de outubro do ano 2024 e segue sen convocatoria formal para a constitución da comisión negociadora do novo plan de igualdade do SERGAS.
Por iso, a CIG-Saúde fai un chamamento ás traballadoras do SERGAS a que apoien as mobilizacións convocadas pola CIG para este sábado 8 de marzo nas distintas localidades, para denunciar o abandono ao que as ten sometidas a Administración, e polos incumprimentos en prevención, seguridade e saúde no traballo que sofren cada día as mulleres traballadoras do SERGAS.