A CIG non comparte nin o fallo nin o razoamento da sentenza contra López Pintos

A central estuda os recursos legais a levar adiante para que se faga xustiza co compañeiro

Nacional -

A sentenza emitida este venres conta o compañeiro Pintos confirma o que a central sindical vén denunciando dende un primeiro momento: que estamos ante unha montaxe que non buscaba facer xustiza senón condenar o sindicalista ferrolá. A CIG non comparte nin o razoamento nin o fallo da sentenza e adoptará as medidas e accións que sexan necesarias na defensa do compañeiro Pintos.

A sentenza condena a Xesús A. López Pintos por un delito de atentado á autoridade a unha pena de seis meses de cárcere e ao pago dunha indemnización ao policía de 840 euros. Non obstante, fronte ás pretensións da Fiscalía e da acusación particular (que pedían penas moito máis elevadas), absolve ao compañeiro pola falta de lesións e coaccións que tamén se lle querían imputar, pola súa participación nunha mobilización no ano 2012.

Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "resulta inconcibíbel que se condene a Pintos, cando el foi o agredido pola policía, tanto durante as cargas (tal e como quedou acreditado nas probas presentadas no xuízo) como despois, mentres permanecía detido e incomunicado na comisaría".

A este respecto lamentou que mentres se condena a Pintos por delito de atentado "queden na máis absoluta impunidade os feitos protagonizados polo policía. Isto parécenos unha auténtica aberración nun estado que se quere denominar de dereito".

A CIG estudará agora todos os recursos legais que poida levar adiante en demanda de xustiza para o compañeiro e evitar que teña que entrar no cárcere. E convocará as mobilizacións que considere necesarias porque "aquí non se condena a Pintos como persoa individual, senón que se busca perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as nosas condicións laborais e de vida".   

Volver