A CIG non consentirá que Alcoa aplique medidas de recortes na produción ou no emprego en San Cibrao

A central pide a intervención dos Gobernos español e galego na defensa dun sector estratéxico para Galiza como o do aluminio

A CIG advertiu ao presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, que non vai consentir ningunha medida de axuste da produción ou do emprego na fábrica de San Cibrao e que dará toda a resposta que sexa necesaria contra calquera intento de desmantelar o complexo industrial da Mariña. Un recado que a central sindical tamén estende aos Gobernos español e galego a quen insta a non colaborar con esta lóxica destrutora de Alcoa e a intervir na salvagarda do noso tecido produtivo.

Así llo expuxo o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen esta mañá participou, xunto cos delegados e delegadas da central, na reunión convocada pola dirección de Alcoa para informar dos plans de recortes que manexa a multinacional norteamericana para o complexo mariñao, que inclúen a eliminación da produción de aluminio e o despedimento de máis de 500 traballadores/as en San Cibrao (sen contabilizar o impacto que terá esta decisión sobre o emprego das auxiliares, que a día de hoxe superan os 700 traballadores/as).

A CIG pide a inmediata retirada da proposta de axustes

Na xuntanza, Carril demandou a retirada inmediata desta proposta en tanto non se leve adiante toda a axenda que se acordou na mesa multilateral creada o pasado 23 de xaneiro para abordar a problemática do complexo de San Cibrao. E neste senso, critica que por parte do Goberno non se teñan convocado todas as reunións necesarias para evitar precisamente chegar a este punto.

Carril díxolle a Alcoa ten que "aguantar dos números" que presenta (que a CIG nega) nun momento tan crítico como o actual, no que a industria debería ser exemplo de mantemento do emprego e das condicións laborais; e advertiu que a chantaxe e as ameazas permanentes sobre San Cibrao (como no seu día sobre a planta da Coruña) "presentan unha realidade que dende a CIG non imos tolerar. E menos aínda imos consentir medidas como as anunciadas hoxe".

Así mesmo, insistiu na necesidade de impedir que a multinacional aplique recortes que afonden na crise industrial que atravesa Galiza, que nos últimos anos ten deixado un regueiro de peches de empresas e despedimentos por todo o país. Esta crise, subliña, aínda se agravará máis pola "nefasta xestión" da pandemia da Covid19.

Incompetencia dos Gobernos

O plan de desmantelamento progresivo da factoría de San Cibrao, engade Carril, vese propiciado pola incompetencia e o incumprimento reiterado por parte do Goberno español para dar solución ao marco enerxético. A falta dunha tarifa industrial ofrécelle a Alcoa unha escusa idónea para xustificar recortes na produción e ameazar a continuidade dos empregos. Tampouco ten axudado, engade o secretario xeral da CIG, a inacción da Xunta de Feixoo, que durante todo este tempo estivo máis preocupado por botar responsabilidades fóra que por exercer as competencias que ten en materia de industria e encabezar unha fronte común na defensa da nosa industria.

"Non é xusto que os traballadores e as traballadoras sexan as vítimas das decisións de Alcoa, máis aínda despois das intensas mobilizacións e presións que teñen realizando na demanda dunha nova regulación do marco enerxético", espetoulle.

Nesta liña, apunta ademais á responsabilidade directa do Goberno de coalición ante posíbeis medidas de axuste ou o peche de Alcoa San Cibrao. "Esa sería a máxima expresión das terríbeis consecuencias de manter a reforma laboral do PP, porque de terse derrogado, Alcoa non tería todo o poder de decisión senón que, por exemplo, precisaría da autorización administrativa previa para poder executar un despedimento colectivo".

Intervención pública das plantas

Diante disto, a CIG reitera á necesidade da intervención pública e o retorno ao ámbito público do sector do aluminio (tanto da fábrica de San Cibrao como da Coruña), atendendo ademais ao que está pasando noutros territorios. Neste senso, Carril lembra que xa hai un informe da UdC (elaborado a petición da CIG) que avala a legalidade e a viabilidade da adquisición pública das plantas, que se podería materializar a través da SEPI.

"O que non pode ser é que un sector estratéxico para Galiza como o do aluminio e do que dependen milleiros de empregos, estea en permanente ameaza polas decisións que se toman en centros de poder moi afastados da nosa terra", conclúe.

Volver