A CIG non negociará un novo convenio colectivo de Axuda no Fogar mentres non se actualicen os salarios

Trasladoulle á patronal a necesidade de incrementar os soldos deste ano en base ao 6,5% do IPC de 2021
Nacional - 08 Abr 2022

A CIG celebrou onte unha asemblea de delegadas/os do sector de Axuda no Fogar para abordar a primeira xuntanza de negociación do convenio colectivo. No encontro coa patronal, a central sindical deixou clara a súa postura: non continuará participando nas conversas mentres nos se actualicen os soldos co incremento do 6,5% do IPC de 2021 en todos os conceptos económicos do actual convenio.

Dende a CIG explican que se lle insistiu ao empresariado -tal e como se acordara nas asembleas de delegadas/os que tiveron lugar anteriormente- a necesidade de actualizar as táboas salariais de 2022, “pero negáronse a facelo”. A esta proposta da central sumáronse tamén o resto de sindicatos que participan da mesa de negociación.

Diante diso, a patronal tomou un receso e posteriormente propuxo unha nova reunión, á que levarían unha proposta económica para toda a vixencia do convenio. “Ante isto, deixamos claro que non nos conformamos só cun incremento económico, senón que hai que incorporar cuestións que necesita o sector como reducir a xornada, regular os descansos ou percibir o 100% do salario en caso de incapacidade temporal”.

O 6,5% non se negocia

Dende a CIG sinalan que na información feita pública por CCOO e UGT tras a xuntanza coa patronal sostense “todo o contrario” do que mantiveron na sinatura da acta, “porque a pesar de apoiar a nosa posición inicial alegan que van participar nesa nova reunión amparándose nunha convocatoria do Consello Galego de Relacións Laborais; convocatoria que este organismo non fixo, xa que esa proposta vén reflectida no terceiro punto da acta”. <<A parte empresarial manifesta a súa vontade de continuar coa negociación do III Convenio Colectivo e traslada que na vindeira xuntanza, que propón que teña lugar o 29 de abril de 2022, traerá unha proposta económica para toda a vixencia do Convenio>>.

Finalmente, dende a central sindical reiteran que non van asistir a esa ou a outras reunións de negociación mentres non se lles pague a todas as traballadoras/es o 6,5% que lles corresponde. “Non se pode negociar un novo convenio cando non cumpren o actual; o 6,5% non se negocia, actualización salarial xa”, rematan.