• Nova

A CIG non participará na sinatura do convenio estatal para as industrias lácteas

Non garante incrementos co IPC real e contén avances insuficientes no aspecto social
Nacional - 28 Mar 2022

Na xornada deste luns asinouse a acta final que pecha a negociación do convenio estatal para as industrias lácteas. A CIG con presenza na mesa negociadora, ratificando a postura da súa base social, non participará na sinatura deste convenio porque non garante incrementos salariais tendo en conta o IPC real e ten avances insuficientes no aspecto social.

Segundo explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, a negociación deste convenio conclúe cuns avances insuficientes no aspecto social. “Non ten garantías suficientes suficiente en aspectos como non garantir o tempo suficiente para asistencia as consultas médicas e de acompañamento de fillos/as e pais/nais de avanzada idade, en dárselle solución ás situacións de indefinición que provocan os repousos domiciliarios con prescrición facultativa cando non se emite baixa médica”.

Tampouco se garante o complemento total, durante a situación de baixa médica, nin o acceso á situación de xubilación parcial para o persoal que teña os requisitos, nin se consegue avanzar decididamente no plano económico e na xornada cando non se camiña na redución do número de domingos máximos que se poderá prestar neste sector (segue en 25 domingos ao ano) nin se acouta pola vía do incremento económico. Ademais, segue sen darse solución á revisión da fórmula para o cálculo da xornada nocturna deixando esta situación á libre interpretación das empresas.

Incrementos salariais “en diferido”

Para o representante da CIG o máis terrible é o capítulo do incremento económico. “Na actualidade, contra a vía de garantirmos o poder adquisitivo do persoal, de garantir a defensa dos salarios contra a carestía da vida, pasa a pactarse un modelo de incrementos salariais en ‘diferido’ e con aplicación práctica en cómodos prazos”, denuncia López.

Así, para o ano 2021 (cun IPC real do 6’5%) unicamente se lle repercutirá ao persoal o 3,5% de incremento. A diferenza restante repartirase para calcular as táboas, sen atrasos, unha metade no 2022 e outra no 2023.

No resto de anos 2022, 2023 e 2024 o incremento provisional será do 1% e establecen unha limitación sobre os salarios que fica topada no 2,5%, por moito que o IPC real puidera ser superior, cando “na actualidade a previsión da inflación para 2022 do Goberno español case dobra xa este ‘tope’ do convenio asinado”, subliña Christian López.

Esta situación de falta de garantías para a consolidación dos incrementos reais e que non garante incrementos por riba do IPC real son, para a FGAMT, “unha condena ao persoal do sector”, polo que, desde a CIG, “non se participará neste ‘brinde’ á precariedade”.