A CIG oponse á renuncia aos incrementos salariais do sector da construción que pretende a patronal

A central négase a asumir calquera revisión á baixa dos dereitos dos/as traballadores/as

Nacional -

A FCM-CIG opúxose en rotundo a entrar a discutir sequera a eliminación dos incrementos salariais no sector da construción como, ao parecer, pretende a patronal estatal da construción CNC, que convocou ás centrais sindicais maioritarias do Estado (incluíndo a CIG e ELA, sindicatos maioritarios no sector en Galiza e Euskadi) a unha reunión da Mesa Negociadora do Convenio Estatal do sector con ese obxectivo específico, poñendo como escusa a Covid-19.

Na sesión, celebrada por videoconferencia, a CIG negouse á revisión á baixa deste nin de ningún outro acordo previamente pactado, como xa sucedeu este ano no convenio de Construción da Coruña cando patronal, UGT e CCOO acordaron renunciar aos "festivos convenio" do calendario laboral, xustificándoo na recuperación do "permiso retribuído" estabelecido polo Goberno español.

Así mesmo, lembróuselles que a CIG está en contra do marco estatal de negociación colectiva -xa que supón afastar a negociación dos traballadores e das traballadoras afectadas- e, en particular, ao perverso concepto de "materias reservadas" pois impide negociar melloras no marco provincial, como xa aconteceu cos convenios de Construción de Pontevedra ou no de Pintura da Coruña, nos que a patronal accionou xudicialmente para derrubar melloras pactadas por empresas e traballadores/as.

A central aposta por convenios galegos

"Ante o marco estatal profundamente opaco e corrupto, a CIG avoga porque os convenios provinciais do ámbito do sector da construción, cuxa negociación está moi limitada por vincularse estritamente ao convenio estatal, dean paso a convenios galegos de sector, apunta Mario Maceiras, secretario de negociación colectiva da FCM-CIG.

Á negativa rotunda da CIG sumóuselles unha negativa inicial de UGT e CCOO (ELA non compareceu), mais ao longo da reunión foron suavizando esta negativa e finalmente derivando a decisión, daquela, ao seo das súas organizacións, convocándose novamente para xaneiro para volver valorar a proposta da patronal. A CIG agarda que CCOO e UGT se manteñan firmes nesta ocasión e non renuncien ao incremento pactado de 2,5% que se lle deberá aplicar ao persoal de sector no ano que comeza.

Volver