A CIG organiza un acto de despedida-homenaxe ao compañeiro Etelvino Blanco

Este xoves día 3 no salón de actos de Casa Sindical de Ourense ás 20:00h
Ourense - 30 Set 2019

A Confederación Intersindical Galega organiza unha despedida-homenaxe ao compañeiro Etelvino Blanco Rodríguez, falecido o pasado 11 de xullo tras décadas de compromiso coa causa da clase traballadora. O acto terá lugar este xoves día 3 de outubro no salón de actos de Casa Sindical (Parque de San Lázaro, 12-baixo) a partir das 20:00 horas.

A CIG quere recoñecer deste xeito o seu labor na defensa dos dereitos da clase obreira, o seu compromiso social e a súa contribución á construción e consolidación da propia central sindical. Sinalan que foi un loitador incansábel, sempre entregado á defensa dos dereitos dos traballadores/as de Ourense, onde estivo á fronte do sindicalismo nacionalista, como secretario comarcal, até a súa xubilación, no ano 2017. 

Na CIG salientan a súa contribución á construción e consolidación da central sindical

Participou a finais dos anos 70 nas folgas do sector da construción e madeira, das primeiras que se convocaban na provincia, e en conflitos tan duros tan duros como o de Citroën, a finais dos anos 80. En ambos os casos conflitos liderados polo sindicalismo nacionalista.

Loitador incansábel

Mais tamén salientou polo seu compromiso social, como portavoz das plataformas pola dignificación do campus de Ourense, Pro Campus, e en demanda do campus da UNED, Pro UNED, tamén a finais dos anos 80. Un compromiso en materia social que mantivo até o último minuto da súa vida.

Con todo, a CIG quere poñer en valor moi especialmente o labor de Etelvino como incansábel loitador que contribuíu a fortalecer e consolidar o sindicalismo nacionalista e de clase.