A CIG-Ourense denuncia a Valoriza na Inspección por incumprir o convenio

A concesionaria do servizo de axuda a domicilio modificou de xeito unilateral as condicións laborais
Ourense - 01 Mar 2017

A Unión Comarcal da CIG de Ourense vén de presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo contra Valoriza, concesionaria do servizo municipal de axuda a domicilio e á dependencia, polo incumprimento de diversos apartados do convenio colectivo. Ao mesmo tempo, dende a central critican que a compañía estea a levar a cabo de xeito unilateral modificacións substanciais das condicións de traballo como recortes de xornada, cambio dos descansos, etc.

Dende a CIG-Ourense explican que dende que Valoriza se fixese cargo do servizo o pasado 4 de xaneiro está a incumprir diversos apartados tanto do convenio colectivo de aplicación como do acordo laboral asinado en 2014 polo comité e a empresa concesionaria naquela altura, “acordo cuxa eficacia actual recoñecen as sentenzas firmes do TSXG e do Tribunal Supremo”. Con todo, a nova concesionaria continúa cos incumprimentos a pesar de ter mantido varias xuntanzas coa representación do persoal nas que lle trasladaron o contido destas sentenzas.

Entre os incumprimentos máis graves citan que a empresa non comunica con 48 horas de antelación a orde de regularización de horas, que corrixan o déficit entre a xornada establecida en contrato e a realmente realizada como consecuencia de servizos non prestados por fallar o usuario/a. Valoriza tampouco lle comunica mensualmente ao comité a situación con respecto ao réxime horario do persoal. “Ademais, en ocasións, tal e como temos denunciado diante da direcciín, as auxiliares reciben chamadas telefónicas (en base á citada regularización) para ese mesmo día e fóra da xornada de traballo habitual”, critican.

Sancións económicas

Ao mesmo tempo, denuncian que a empresa esta a levar a cabo de xeito unilateral modificacións substanciais das condicións de traballo como recorte da xornada ou cambio dos descansos sen abrir un período de consulttas coa representación legal das traballadoras/es. Valoriza tampouco fixo efectivo a día de hoxe o incremento salarial que establece o artigo 7 do convenio, consistente na actualización dos soldos nun 1,6%, que foi a subida do IP en 2016.

Por todo isto, dende a CIG solicitan da autoridade laboral que comprobe a veracidade dos feitos denunciados e proceda a requerirlle á empresa que cumpra a norma convencional e desista nas modificacións unilaterais das condicións de traballo, “ademais de proceder á proposta das sancións económicas que puidesen corresponder”.