A CIG outorga o Premio 10 de Marzo á loita das compañeiras e compañeiros de Alcoa e auxiliares

As traballadoras do servizo de limpeza do Álvaro Cunqueiro, galardoadas co Premio 8 de Marzo

O Consello Confederal da CIG acordou recoñecer co Premio 10 de Marzo a loita dos compañeiros e compañeiras de Alcoa e auxiliares "pola súa loita incansable, grazas á que, despois de moitas xornadas de mobilizacións e folga conseguiron parar o ERE que afectaba a máis de 500 empregos da principal e outros tantos das auxiliares, facéndolle fronte a unha multinacional, que o único que pretendía era acabar co que hoxe coñecemos como planta de aluminio primario na Mariña de lucense".

As traballadoras do servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro foron as galardoadas co Premio 8 de Marzo. A central sindical tivo en conta que, coa súa unidade e determinación, foron quen de forzar á empresa concesionaria do servizo e á do propio hospital a contratar máis persoal para rematar coa sobrecarga de traballo e co estrés laboral provocados polos novos protocolos hixiénicos derivados da pandemia do coronavirus. Grazas á súa capacidade de loita e mobilización, con convocatoria de folga indefinida e protestas diarias, lograron tamén mellorar as súas condicións laborais e dignificar unha labor esencial para o eficaz funcionamento do sistema sanitario.

Coincindo coa xuntanza do Consello Confederal celebraríase o acto de entrega de ambos os galardóns mais a CIG tivo en conta que no actual contexto de pandemia, e diante da necesidade de garantir as medidas de seguridade e prevención precisas, non se podería celebrar como se vén facendo coa presenza das persoas premiadas, as convidadas e os membros do Consello Confederal. Por iso a central sindical acordou adiar o acto até que melloren as actuais circunstancias.

O SAF de Forcarei e o conflito de ambulancias, Premios 8 e 10 de Marzo de 2020

A irrupción da pandemia en marzo de 2020 xa obrigou a suspender o acto de entrega dos galardóns que estaba previsto para o día 13 dese mes, xusto cando se anunciou o inicio do estado de alarma. Por iso a CIG acordou facer entrega dos Premios do pasado ano e do actual nun acto conxunto cando a situación sanitaria o permita.

Co Premio 8 de Marzo de 2020 a central sindical recoñeceu a resposta combativa das traballadoras do SAF de Forcarei, que denunciaron tanto as prácticas ilegais da empresa concesionaria, como a complicidade do Concello e mobilizáronse contra  a pretensión de arrebatarlles dereitos básicos.

Unha loita que foi castigada con ameazas de despedimento e con impagos salariais, ao que responderon cunha folga indefinida, con mobilizacións diarias diante do concello, denuncias en Inspección de Traballo, denuncias no Xulgado do Social e coa que conseguiron involucrar a todas as veciñas e veciños dun concello rural como Forcarei, que se uniron na exixencia de manter un servizo básico e con garantías. Unha loita coa que conseguiron, en fin, que prevalecera a dignidade fronte a prepotencia e o abuso de poder do Partido Popular.

O Premio 10 de Marzo en 2020 foi para o conflito de ambulancias no que as compañeiras e compañeiros do sector protagonizaron unha folga indefinida polo convenio colectivo e grazas á que conseguiron non só mellores condicións salariais, senón tamén importantes avances na contratación indefinida, en dereitos da muller, en prevención de riscos ou en permisos retribuídos, entre outras cuestións.

Este sector xa desenvolvera nos dous anos anteriores unha morea de mobilizacións e folgas intermitentes para mellorar non só as súas condicións laborais, senón tamén para garantir unha atención digna ás e aos doentes sendo, como é, o primeiro chanzo da atención sanitaria.

Volver