A CIG outorga o ‘Premio 10 de Marzo’ á loita do persoal do transporte de viaxeiros/as da Coruña
A CIG recoñeceu este venres co ‘Premio 10 de Marzo’ a loita do persoal do transporte de viaxeiros/as da Coruña na demanda dun convenio colectivo xusto, pola súa dignidade e para exixir respecto pola súa vontade. Un conflito duro, pero que demostrou a capacidade de mobilización, organización e resistencia deste sector fronte a unha patronal que primeiro secuestrou a negociación colectiva e despois non dubidou en recorrer a todo tipo de manobras para impoñer un acordo que o persoal rexeitou con absoluta contundencia. No acto deste venres, decorrido en Compostela, fíxose tamén unha mención especial á loita do persoal de Aludec Pontevedra en contra da precariedade laboral e para esixir convenios colectivos xustos.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, encargado de entregar o premio, salientou a capacidade de resposta sindical e de dignidade das traballadoras e traballadores do sector do transporte "fronte á unión política entre o poder político e empresarial que representan o PP e o grupo Monbús". E apuntou que as loitas recoñecidas neste acto "dan fe da adversidade a que cada día se enfronta a clase obreira galega".
Chamou ao apostar "de forma decidida" pola loita e a mobilización e o que isto significa "de termos capacidade de organización, de analizar e de ofrecer alternativas, para facer un sindicalismo útil e transformar as realidade". Porque, a maior presenza da CIG nos centros de traballo "obríganos a ter máis atrevemento na iniciativa sindical".
Carril criticou o entreguismo de UGT e CCOO e máis o papel do PP de Galiza, "en aberta confrontación coa CIG", que representa os intereses dun capital "español e españolista que pretende seguir perpetuando o sistema de explotación e dominación do pobo galego". Algo, animou, ao que como sindicato nacionalista de clase debemos dar oportuna resposta "con compromiso, militancia e resistencia".
Unha resistencia como a demostrada polas traballadoras do SAF de Ponteareas (que recibiron este ano o ‘Premio 8 de Marzo’) e polo persoal do transporte de viaxeiros/as da Coruña, "que son un incentivo e unha motivación", ou como a capacidade de loita e a unión do pobo galego contra Altri. "Igual que fomos quen de frear Altri seremos quen de parar a emerxencia lingüística a que o PP quere abocar o galego", aseverou, animando a participar no acto de Queremos Galego deste sábado en Compostela para demostrar “que aquí hai un pobo e unha clase traballadora disposta a seguir sendo galega e tendo ao noso idioma como o emblema que nos representa".
Pobo con dereitos
Carril incidiu en que a loita nos centros de traballo transcende dunha defensa pola mellora das condicións materiais; "é por un cambio de modelo económico e social, pola reivindicación dunha Galiza con dereitos, polo recoñecemento como nación". Neste camiño, a solidariedade, a implicación e o compromiso social resultan decisivos, pois "aínda que melloremos as condicións de traballo, se cada vez somos menos pobo con dereitos de nada servirá o que estamos facendo", avaliou.
Neste punto, referiu que ante o contexto actual de "brutal ofensiva imperialista" cómpre seguir a denunciar as agresións e a mobilizarse "como faremos o próximo luns nas convocatorias de Galiza pola Paz". Cómpre reaxer, concluíu, para reivindicar a fin das guerras, do incremento do gasto militar, dos chamados belicistas e da OTAN, “pero tamén para demandarlle aos gobernos español e galego un plan de choque urxente contra o medre da carestía da vida e a crítica situación económica e social que está ofensiva vai desencadear”.