A CIG outorga o Premio 10 de Marzo á loita dos traballadores e traballadoras de IKF da Guarda

A central realizou o acto en Ferrol con motivo da conmemoración dos 50 anos das loitas obreiras de 1972
Nacional - 04 Mar 2022

A CIG acordou outorgarlle o Premio 10 de Marzo á loita dos traballadoras e das traballadoras da fábrica IKF da Guarda que levaron adiante 76 xornadas de folga en rexeitamento á dobre escala salarial que a empresa pretendía prolongar no tempo. Un duro conflito para reclamar un novo pacto laboral que rematase coa discriminación retributiva que padece o persoal de nova incorporación e que fora pactada polo anterior comité, no que a CIG non tiña representación.

Neste mesmo acto, que se trasladou a Ferrol con motivo da conmemoración dos 50 anos das loitas obreiras de 1972, tamén se entregou o Premio 8 de Marzo, que este ano recoñece a loita do persoal da UCI do Hospital Clínico de Santiago.

Auténtica lección de determinación e solidariedade obreira

Sobre o conflito de IKF, salientouse que a negativa da empresa a rematar coa dobre escala salarial levou a CIG a promover unha convocatoria de folga o pasado 14 de xullo -que primeiro foi por días e despois pasou a ser indefinida-, na que o cadro de persoal deu unha auténtica lección de unidade, determinación e solidariedade obreira.

O acordo final, que foi aprobado en asemblea por ampla maioría, permite pór fin á dobre escala salarial nun período máximo de cinco anos en base a unha serie de criterios, ademais de contemplar unha serie de importantes melloras laborais para o conxunto do cadro de persoal de IKF.

O secretario xeral, Paulo Carril, encargado de facer entrega do premio aos/ás representantes do persoal da fábrica, destacou que conflitos como este demostran o enorme potencial da mobilización e son un chamado a reforzar a organización sindical e social e a mobilización nas empresas e nas rúas “para aumentar a nosa capacidade de confrontar, porque sen confrontación co poder económico e político, non temos dereitos nin avanzaremos nunha saída galega xusta da crise e  para facer real o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa terra”.

Referiu as “estremas e adversas circunstancias” nas que se dá sempre a loita da clase traballadora, sobre todo a galega; e salvando as distancias cos sucesos e o contexto de hai 50 anos, puxo a atención nos momentos históricos que estamos a vivir, “de importantes conflitos, de grandes e profundos cambios que a pandemia acelerou nunha dirección non precisamente en favor da xustiza social e a soberanía dos pobos”.

A guerra como desculpa para aplicar novos recortes

Cambios aos que agora se suma o conflito bélico na Ucraína que, alén de aproveitarse para facer apoloxía do militarismo, preténdese utilizar “como unha nova coartada para recortar dereitos, ou xustificar políticas económicas que manteñen os altos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos”, incrementado así a carestía da vida.

Neste punto, o secretario xeral da CIG condenou a intervención militar rusa no territorio ucraíno, que pode dar lugar a unha escalada bélica na rexión de consecuencias imprevisíbeis, e fixo un chamamento ao cese das accións de guerra e á volta á diplomacia como única vía para a resolución do conflito. Na liña das demandas formuladas pola Plataforma galega contra  a OTAN, pola paz e a soberanía dos pobos, da que a CIG fai parte, demandou a retirada do exército ruso da Ucraína, á volta ao seu  territorio, e un compromiso de non incorporación da Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk. Carril considerou lamentábel o papel que a xogar a UE neste conflito e reclamou a neutralidade activa do Estado español.

Reformas que non recuperan nin gañan dereitos

Na súa intervención, Paulo Carril criticou que as medidas aprobadas polo goberno de coalición de PSOE-UP, como a nova reforma laboral ou das pensións, non permiten recuperar nin avanzar en novos dereitos, senón que consolidan as peores reformas aprobadas polos gobernos de PSOE e PP na crise financeira.

“É inaceptábel que existindo maioría parlamentaria e un manifesto clamor popular e obreiro, se aposte por enterrar os dereitos a través do diálogo social, non se derroguen estas leis inxustas, e non se aproben novas leis coas que se remate coa precariedade, a pobreza laboral, se pare a inflación e se garantan a xeración de empregos, salarios e pensións dignas”, aseverou.

Considerou Carril que as políticas neoliberais que se están a adoptar para satisfacer as esixencias de acceso aos fondos da UE “son novos instrumentos que veñen favorecer ás nefastas  políticas do PP en Galiza,  sendo a peor solución para poder afrontar de xeito xusto a crise social e industrial que temos no noso país”, produto dos desastrosos anos de Goberno de Feixoo, ao que agora se lle quere facer un lavado de cara na súa marcha a Madrid.

Neste contexto, engadiu o secretario xeral da CIG, confrontamos a negociación colectiva para frear estes ataques a clase traballadora e para  impedir “que nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos,  decidindo nós de forma directa e democrática  sobre as nosas condicións de traballo  e que non o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO desde  Madrid”.

Lembrou que a negociación do V Acordo Estatal de Negociación Colectiva que se inicia constitúe outra fronte que se abre “para impedir que nos impoñan novos topes salariais que empeoren os nosos salarios e que a patronal vaia  a unha segunda volta para gañar en dereitos a nosa costa”.

Por todo isto, o 8 e o 10 de Marzo son para a CIG datas dun forte contido reivindicativo, e 50 anos despois “son moitos os motivos e as razóns para que así sexa, para que así siga sendo”. Neste 2022, máis que nunca, “reivindicamos as orixes de onde vimos, co orgullo de formar parte dunha historia colectiva e dunha tradición sindical de loita, que grazas á coherencia que ao longo destes anos mantivemos levounos a ser o que somos: a primeira forza sindical en representación, afiliación e iniciativa social en Galiza”.

Premios ás loitas do persoal de ambulancias e da fábrica de Alcoa San Cibrao

A CIG aproveitou esta celebración para entregar tamén os premios correspondentes aos anos 2020 e 2021 que quedaran en suspenso por mor da pandemia, e que foron, respectivamente, para a loita do persoal de ambulancias en demanda dun convenio digno e para a do persoal de Alcoa e das auxiliares en defensa do emprego e a continuidade industrial da fábrica de San Cibrao.

A secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, salientou que con este tipo de recoñecementos, a CIG pretende visibilizar o valor da conflitividade para o avance laboral e social. E neste sentido, reivindicou a plena vixencia das loitas de 1972, "porque de igual maneira que naquel ano en Ferrol os traballadores e traballadoras se mobilizaron e loitaron en defensa dun convenio propio para Bazán, hoxe seguimos loitando polo dereito a negociar na Galiza os nosos convenios". De aí que o lema escollido para conmemorar este 50 aniversario non sexa outro que “Somos clase. Somos nación.  A loita continúa”.

Sobre os conflitos escollidos cada ano, Méndez referiuse á dificultade de elección xa que "son moi numerosas as ocasións nas que traballadoras e traballadores se ven na obriga de se mobilizar para reclamar os seus dereitos, seguindo a guía marcada no 72". Momentos decisivos, engadiu, nos que a CIG, "como non pode ser doutro xeito, está á altura, acompañando á clase traballadora na súa loita pola conquista de mudanzas e melloras para unha vida máis digna e unha sociedade máis xusta. Por iso, si, a loita continúa".

Lembranza ao compañeiro Braulio Amaro

No decorrer do acto, lembrouse ao compañeiro Braulio Amaro Caamaño, falecido o pasado mes de decembro, quen toda a súa vida estivo vinculado ao sindicalismo nacionalista. Amaro foi membro da primeira Executiva Nacional da CIG-Ensino en 1994, chegando en 1997 a asumir a máxima responsabilidade da federación, sendo secretario nacional até 2001, aínda que continuou formando parte da Executiva até o ano 2005.

Durante toda a súa vida, foi un defensor incansábel da clase traballadora e nomeadamente do profesorado, desde unha perspectiva soberanista e de férrea defensa dos servizos públicos. En homenaxe e lembranza a Braulio Amaro, a CIG aproveitou o acto deste venres para facerlle entrega dun presente a súa compañeira, Ánxela Mariño.

Organizacións convidadas

Ao acto de entrega dos premios, ademais do Consello Confederal da CIG en pleno, exsecretarios xerais, membros de anteriores Executivas Confederais e numerosas persoas convidadas a título individual, asistiron o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández, a secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro, e o  director territorial da Inspección de traballo en Galiza, Demetrio Fernández.

Ademais, estiveron presentes tamén representantes de diversas organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza.