A CIG pacta coa UVigo o pago das subas salariais desde 2022 ao persoal postdoutoral e ao contratado con cargo a proxectos

O acordo beneficiará ás 600 persoas afectadas pola sentenza do Tribunal Supremo que recoñeceu este dereito
Vigo - 20 Feb 2026

A CIG vén de chegar a un acordo coa Universidade de Vigo (UVigo) para o pago das subas salariais dende 2022 ao persoal postdoutoral e ao contratado con cargo a proxectos. Unha representación da central sindical mantivo unha xuntanza telemática co reitor para abordar a situación das 600 persoas afectadas pola sentenza do Tribunal Supremo (TS) que recoñeceu este dereito.

Tal e como explican dende a CIG-Ensino, o TS recoñeceu o mes pasado o dereito á suba salarial para o persoal empregado público dos anos 2022 e 2023 a tres colectivos da UVigo: PDI con contratos predoutorais, postdoutorais e para proxectos de investigación. 

Máis alá do acadado de forma particular nos xulgados, o que se gaña é a extensión dun dereito a todo o persoal das universidades

Esta decisión xudicial garante que todos os incrementos aprobados no futuro nos Orzamentos Xerais do Estado se teñan que aplicar de forma automática, eliminando esta discriminación por parte das universidades galegas. Así, o montante total ascende a un 9,8% desde 2022 a 2024, ao que haberá que engadirlle o 2,5% de 2025 e o 1,5% de 2026.

“Máis alá do acadado de forma particular nos xulgados, o que se gaña é a extensión dun dereito a todo o persoal das universidades e a aplicación xeral de calquera suba salarial sen distinción por colectivos”, salientan na CIG.

A reitoría emprazou ao sindicato a unha nova reunión dentro de 10  para detallar o número concreto de persoas ás que se lle aplicará a suba, así como en que nóminas se aplicarán. “En todo caso, atendendo á nosa petición, non se estenderá máis alá do mes de maio”.

Conflito colectivo na UDC e na USC

Na Universidade da Coruña chegárase en 2024 a un acordo previo ao xuízo, nun acto de conciliación, e estes pagamentos están consolidados. No caso da Universidade de Santiago de Compostela, o Supremo rexeitou o recurso de casación presentado pola CIG logo de perder no TSXG este mesmo conflito. As razóns ás que se alude na sentenza son a sinatura dun acordo que condicionou estas subidas salariais.

Polo que dende a CIG Ensino emprazan a USC a que actúe como o resto de universidades e aplique as subas salariais a todo o seu persoal sen distinción, atendendo aos mesmos argumentos das sentenzas da UDC e da UVigo.