A CIG parabeniza á clase traballadora portuguesa por conseguir tombar a reforma laboral

Esta vitoria demostra que a organización e a loita son ferramentas fundamentais para frear os recortes de dereitos laborais e sociais que pretende o neoliberalismo
Internacional - 22 Xun 2026

A Confederación Intersindical Galega (CIG) traslada á clase traballadora portuguesa e á CGTP-IN os seus parabéns pola importante vitoria acadada ao conseguir, coa súa loita, que o Parlamento portugués tivera que botar abaixo a proposta de reforma laboral impulsada polo Goberno.

Esta derrota é o resultado directo da mobilización sostida, da determinación e da capacidade de loita das traballadoras e dos traballadores portugueses, que durante meses protagonizaron folgas xerais, manifestacións e múltiples accións nos centros de traballo para impedir a aprobación dun paquete laboral amplamente rexeitado.

A CIG considera que esta vitoria constitúe un exemplo para o conxunto do movemento obreiro, demostrando que a organización e a loita son as ferramentas fundamentais para facer fronte ás políticas que pretenden recortar dereitos laborais e sociais.

Ao tempo que comparte a satisfacción por este éxito, a CIG traslada á CGTP-IN e ao conxunto da clase traballadora portuguesa a súa en hora boa por unha conquista que reforza a defensa dos dereitos laborais, da negociación colectiva, do emprego digno e o avance cara unhas mellores condicións de traballo e de vida.

A loita continúa!