• Nova

A CIG participa e anima a asinar a iniciativa cidadá europea por unha lei que pare o comercio cos asentamentos ilegais

Fan falta un millón de sinaturas para poder presentar a proposta á Comisión Europea
Internacional - 16 Mar 2022

A CIG participa da Iniciativa Cidadá Europea “StopSettlements” que solicita á Comisión Europea que tome medidas para parar o comercio con todos os asentamentos ilegais, entre eles os que se atopan nos territorios ocupados na Palestina. A central fai un chamamento a apoiar e asinar esta iniciativa, que precisa de recoller un millón de sinaturas para poder presentarse.

» PREME AQUÍ PARA ASINAR A INICIATIVA

Código QR para asinar

Escanea este código QR para asinar a iniciativa cidadá e esixir respecto polos dereitos humanos e o dereito internacional.

Sobre o papel, a Unión Europea di oporse á anexión e considera os asentamentos ilegais nos territorios ocupados como un obstáculo para a paz e a estabilidade internacionais. Mais, aínda que estes constitúen un crime de guerra, a UE permite comerciar con eles. Ese comercio permite obter ganancias da anexión e contribúe á expansión dos asentamentos ilegais en todo o mundo.

Mediante esta proposta solicítase unha lei da UE que poña fin ao comercio con asentamentos ilegais dunha vez por todas. Esta lei afectaría ao comercio con produtos saqueados de territorios ocupados en calquera lugar, entre estes o territorio palestino ocupado e os asentamentos ilegais de Israel ou no Sáhara Occidental.

A Iniciativa Cidadá Europea #StopSettlements está apoiada por unha ampla alianza de ONG, movementos de base, cargos políticos e sindicatos (ente os que se atopa a CIG), tanto a título individual como a través da Rede Sindical Europea pola Xustiza para Palestina.

Este tipo de iniciativa é un recurso que ten a cidadanía da UE para proporlle á Comisión Europea un cambio lexislativo concreto, neste caso para deter todo comercio con asentamentos ilegais en territorios ocupados. Hai uns meses a CIG tamén promoveu e participou doutra medida similar, a denominada #Right2Cure, na que se demanda a liberación das patentes das vacinas.

Pero a proposta lexislativa para solicitar á Comisión que regule as transaccións comerciais só poderá presentarse se se alcanza un millón de sinaturas. Por iso, a CIG anima a apoiar esta iniciativa e asinala, porque xa é hora de impedir que se poida facer negocio coa ocupación.