A CIG participa en Madrid nas mobilizacións en defensa do convenio de Otis

A empresa está a precarizar as condicións de traballo e quere impoñer unha dobre escala salarial

Nacional -

Traballadores/as da compañía de ascensores Zardoya Otis afiliados/as á CIG participaron na xornada de mobilizacións convocada o venres pasado en Madrid en defensa do convenio colectivo de empresa e para denunciar que a dirección está a precarizar as condicións laborais e quere impoñer unha dobre escala salarial.

A delegación da CIG desprazouse até a capital española coincidindo coa folga convocada a nivel estatal contra a intención de Otis desmantelar o convenio colectivo vixente na empresa dende 1979 “para comezar de cero” cun acordo que empeore as condicións de traballo. De feito, a dirección xa leva tempo atacando os dereitos do cadro de persoal aproveitando tanto a pandemia como o feito de que o convenio leva caducado dende decembro de 2019.

Neste contexto está a obrigar os técnicos/as a realizar labores comerciais, ao tempo que aumentou o número de ascensores que ten que atender cada operario/a. “Pero a xente aguanta porque ten medo de rematar na rúa, como lle aconteceu a 17 persoas no verán do ano pasado”, sinalan traballadores/as de Otis.

Posteriormente a compañía continuou despedindo persoal sen causas xustificadas, sumando 10 novas rescisións de contrato. “A empresa síntese forte despois de que o sindicato maioritario non materializase as folgas que levaba tempo anunciando, algo que si fixo finalmente o venres”.

Ese día convocouse unha manifestación polo centro de Madrid na que participaron arredor dun milleiro de persoas e que rematou ás portas do Congreso dos Deputados, onde esixiron a derogación das reformas laborais. “Queren seguir aplicándoa e despedir por causas obxectivas a máis traballadores/as alegando supostas perdas en 2020”.

Novas xornadas de folga

Cando a realidade, segundo manifestan os empregados de Otis, é que a compañía gañou dende decembro de 2020 até agosto de 2021 un 5,4% máis que no mesmo período do ano anterior. A pesar disto, a dirección pretende conxelar os salarios no primeiro ano de duración do convenio, mentres que nos seguintes exercicios a suba de soldos sería moi cativa e condicionada a que a parte social acepte a dobre escala salarial e servizos de 24 horas para todo o persoal, que se farían por quendas.

A dobre escala salarial suporía que o persoal de nova entrada estaría tres anos cobrando por debaixo do convenio, mentres que as quendas de 24 horas pasarían a ser obrigatorias e non voluntarias como até o de agora, ademais de realizarse polo mesmo salario, sen incentivos de ningún tipo.

Por todo isto, os traballadores/as de Zardoya Otis continuarán coas mobilizacións para forzar a empresa a dar marcha atrás nas súas pretensións e co obxectivo de poñer fin ás negociacións máis longas en 40 anos de convenio. Deste xeito, teñen convocada unha nova folga entre o 22 de novembro e o 9 de decembro.

Volver