A CIG participa na 47ª Conferencia Europea de Solidariedade co Pobo Saharauí (EUCOCO) celebrada en Toledo
A CIG vén de participar na 47ª edición da Conferencia Europea de Solidariedade co Pobo Saharauí (EUCOCO), que se celebrou os días 1 e 2 de decembro en Toledo. Un encontro que se realiza dende o ano 1978 e que nesta edición reuniu a 260 participantes, representantes institucionais, de partidos políticos, sindicatos e entidades de solidariedade co pobo saharauí. Entre outras personalidades, acudiron o Primeiro Ministro saharauí, Buchraya Beyun, o representante da Fronte Polisario no Estado español, Abdulá Arabi, e o exministro de Asuntos Exteriores de Perú, César Landa.
O encontro ten como obxectivo darlle apoio político e social ao Goberno da RASD nos distintos foros internacionais e nos países das organizacións representadas, así como buscar solucións para a difícil situación pola que está a pasar a poboación, tanto nos territorios ocupados por Marrocos, como nos campamentos de Tindouf, ou na diáspora. Logo das graves consecuencias da pandemia, as axudas veñen mermando, ben porque baixaron, ou ben porque, manténdose, a suba dos prezos fai que os insumos que lles chegan sexan escasos.
Tamén se fixo incidencia na responsabilidade do Goberno español no conflito e unha dura crítica á mudanza da postura do presidente Sánchez. En palabras do propio Buchraya: “xa vai sendo hora de que España e Europa entendan que despois de 50 anos de que Marrocos e os países que o apoian trataron de impor unha solución á marxe do dereito internacional, non se conseguiu. Porque non vimos mantendo esta resistencia para rematar como unha autonomía ou estado asociado a Marrocos. O dereito internacional recoñece o noso dereito á autodeterminación e non imos renunciar a el”.
Durante as dúas xornadas que durou o encontro, buscáronse estratexias comúns de colaboración e cooperación para coordinar as acción encamiñadas a esixir o cumprimento das sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (a definitiva agárdase que saia en marzo do vindeiro ano), que poñan fin ao espolio que Marrocos, a propia Unión Europea, e as empresas que participan do mesmo, veñen facendo de xeito ilegal sobre os recursos naturais do territorio saharauí.
E tamén para urxir as Nacións Unidas a que poñan en marcha, de maneira inmediata, as resolucións tomadas, que se active a vixilancia da MINURSO do respecto aos dereitos humanos da poboación saharauií e que, en definitiva, se realice, dunha vez por todas, o acordado Referendo de Autodeterminación que remate coa independencia do Sáhara Occidental.
Coa fin de que os debates, propostas e conclusións sexan o máis interdisciplinarias e transversais posíbel, a organización dos traballos da EUCOCO, desenvólvese en catro obradoiros:
- Política e Información.
- Dereitos humanos.
- Recursos naturais.
- Consolidación do Estado Saharauí.
Coas conclusións destes obradoiros, a implicación do Goberno de Arxelia, e da Unión Africana, marcáronse os obxectivos e estratexias a desenvolver durante o ano 2024.
No que respecta ás organizacións sindicais asistentes, con escasa presenza, a CIG mantivo conversas con responsábeis da organización do EUCOCO para reconducir a participación da central galega neste evento, quedando emprazada a unha próxima reunión que se celebrará co representante da Fronte Polisario, Abdulá Arabi, nas vindeiras datas, por parte da Coordinadora do Foro Sindical Internacional de Apoio ao Pobo Saharauí, do que a CIG forma parte.
A Coruña, 5 de decembro de 2023
Dpto. de Relacións Internacionais da CIG