A CIG participa na Asemblea Xeral de ALTER SUMMIT celebrada en Bruxelas

Tivo lugar os días 8 e 9 de decembro
Bruxelas - 14 Dec 2017

A pasada fin de semana celebrouse en Bruxelas a Asemblea Xeral de ALTER SUMMIT, da que a CIG forma parte. Durante as xornadas do 8 e 9 de decembro, e coa asistencia dun amplo número de organizacións de toda Europa, afrontamos os diferentes puntos marcados na orde do día prevista con anterioridade, e que se foron desenvolvendo do seguinte xeito:

•    Aspectos organizativos:

1.    Trocos na Secretaría.

2.    Finanzas. Pasouse un esquema sobre a evolución económica de gastos e ingresos no 2016, 2017 e 20178, e a petición da CIG facilitouse tamén a relación de achegas feitas neste último ano polas respectivas organizacións que forman parte de ALTER SUMMIT.

3.    Estratexia de ampliación. Acordouse contactar con outras organizacións sindicais ou de carácter social, para ampliar o número de membros de ALTER SUMMIT e as achegas económicas, que fagan posible así afrontar as actividades que queremos levar a cabo.

4.    Grupos de traballo: Decidiuse actualizar e ampliar os grupos de traballo previamente constituídos, creando un novo sobre a dixitalización e as súas consecuencias sobre o futuro do traballo.

5.  Proxecto de boletín informativo: Aprobouse poñer en marcha un boletín informativo, con todos os soportes técnicos e divulgativos nas redes sociais, para ofrecer unha visión xeral permanente das loitas locais, rexionais e nacionais, centrándose de xeito especial na dimensión europea das mesmas, analizar as tendencias económicas, sociais e políticas, informar sobre as actividades de ALTER SUMMIT e fortalecer unha rede de colaboracións coa mesma.

A idea é renovar unha vez cada semana ou dúas unha páxina da web con artigos e análises e enviar periodicamente un boletín actualizado. Introduciranse editoriais sobre temas europeos e/ou internacionais, crónicas, etc. Baralláronse as distintas opcións de como organizalo tecnicamente para levalo a cabo: traducións, coordinador, comité editorial de 4-5 persoas, redactores/as, difusión, listas de contactos, colaboración con outras redes, medios sociais, recursos, etc.

    Reformas do mercado laboral. Futuro da UE

Comentáronse as distintas reformas laborais aprobadas nalgúns estados da UE, e da propia lexislación que esta ten en preparación sobre o mundo do traballo, e as súas consecuencias para o mundo do traballo e as relacións laborais, no senso de perda de dereitos para a clase traballadora. Falouse tamén da complicación que tivo até este intre a coordinación das distintas loitas contra estas reformas nos distintos estados europeos, e como poder mellorarse de cara ao futuro, baixo a nosa mensaxe de “Rights4all” (dereitos para todos/as), e como preparar a nosa reacción diante dos futuros cambios no mundo do traballo, especialmente os que propugnan as institucións europeas (carta dos 5 presidentes).

•    Acto aberto con intervencións previas de 5 persoas de distintos países (Bélxica, Francia, Alemaña, Italia e Euzkadi) arredor das reformas do mercado Laboral e o futuro da Unión con debate posterior entre asistentes.

    Reunións dos obradoiros dos grupos de traballo. A CIG participou no novo grupo “Resistencia 2.0: As novas realidades do traballo”.

Analizamos e debatemos sobre as consecuencias do mundo da dixitalización, a “uberización”, a industria 4.0 e a influencia que os avances científicos e tecnolóxicos están a ter no mundo do traballo. A aparición de plataformas como Google, Apple, Facebook, Amazon, Microsoft, Uber, AirBnB. Individualización no escaso emprego, precarización, ruptura das relacións laborais ao uso entre traballadores/as e empresas, falta de achegas á S.S., perigo das pensións públicas, desregulación de xornadas e horarios, dificultades de organización colectiva, dificultades para as organizacións sindicais á hora de defender a estes/as traballadores/as,....son algúns dos perigos que estamos a observar. E debemos artellar as nosas respostas, locais e máis globais, para facer fronte a estes procesos de destrución e precarización do emprego.

•    Posta en común dos diferentes grupos de traballo.

•    Programa de actividades para o vindeiro ano 2018, e axenda común de loitas.

•    Aprobación dun manifesto de apoio a Palestina e contra o anuncio feito público por Trump sobre a capitalidade de Israel en Xerusalén.

Quedamos emprazados para reunirnos de novo no mes de febreiro do vindeiro ano.

A Coruña, 13 de decembro de 2018
Dpto. De Relacións Internacionais da CIG