A CIG participa na reunión da Rede Sindical Soberanista convocada polos sindicatos “Por unha nova e unida Irlanda”

Organizouse con motivo do 25 aniversario dos Acordos de Paz en Irlanda do Norte
Internacional - 31 Out 2023

Con motivo do 25 Aniversario dos Acordos de Paz en Irlanda do Norte (Acordos de Venres Santo), que puxeron fin ao conflito armado, a Confederación Intersindical Galega (CIG) participou, na semana pasada, dos eventos organizados pola Rede de sindicalistas “Trade Unionist for a New and United Ireland”, que se celebraron en Belfast, durante os días 24 e 25 de outubro, e que foron precedidos por unha reunión da Rede Sindical Soberanista.

O Encontro desenvolveuse baixo o lema "Unidade da clase traballadora en paz e democracia”, con representantes de sindicatos de Córcega, Bretaña, Irlanda, Illas Canarias, Euskal Herria, Escocia, Cataluña, País Valenciá e Galiza. Un encontro que serviu para coñecer de primeira man a experiencia irlandesa en todo o seu proceso de resolución do conflito, a causa da ocupación británica, a división do país e avaliar as aportacións que as nosas organizacións sindicais poden facer en procesos deste tipo, de liberación nacional.

A campaña levada a cabo polo sindicalismo irlandés, pretende construír un futuro máis esperanzador para a clase traballadora, que tanto ten sufrido durante xeracións de guerra e conflitos. Agora que cada vez máis sectores da sociedade civil irlandesa apoian a reunificación da illa, a Solidariedade doutras organizacións sindicais que tamén reclamamos a soberanía dos nosos pobos pode ser fundamental.

O Encontro tamén abordou o papel que debemos desempeñar os sindicatos e as implicacións que para a clase traballadora teñen todos estes procesos de liberación, como o levado a cabo en Sudáfrica, en Euskal Herria, o do pobo palestino (cunha mensaxe especial de solidariedade, diante da situación que está a padecer), e do Sáhara Occidental.

Foi precisamente a CIG, quen se encargou de explicar como se puxo en marcha o Foro Sindical Internacional de Solidariedade co Pobo Saharauí.

A este respecto, o responsábel da área de Internacional da CIG, Xosé Lois Rivera explica que “os sindicatos das nacións sen estado debemos afrontar a situación internacional actual e os retos de futuro, para contribuír, desde o noso rol, a poñer en marcha todos estes procesos de liberación e reforzar a Solidariedade entre os pobos que así o demandan.