A CIG participa no XVI Congreso da Fronte Polisario

Internacional - 16 Xan 2023

Logo da paréntese provocada pola pandemia, a Fronte Polisario está a celebrar, entre o día 13 e 17 de xaneiro, o seu 16° Congreso na Wilaya de Dajla, coa presenza de 2097 delegados e delegadas e máis de 400 delegacións convidadas de todos os continentes, entre elas a CIG.

Destaca, especialmente, a numerosa delegación que representa a Arxelia, país que acolle os campamentos nos que se encontra a poboación refuxiada saharauí e lle brinda a máis importante cooperación, tanto a nivel de recursos, como a nivel político e diplomático. Tamén hai unha presenza de importantes personalidades doutros países de África, tanto institucionais, como políticas. A CIG forma parte da escasa representación sindical presente neste congreso.

Neste marco estanse organizando actividades paralelas, como a presentación de diferentes publicacións sobre o Sáhara Occidental ou un seminario sobre os dereitos e, en especial, a situación dos presos/as políticos saharauís nos cárceres marroquís. Eventos enmarcados dentro da estratexia de revisión e difusión cultural e ideolóxica que a RASD está a poñer en práctica sobre a súa loita.

Este congreso está condicionado polas circunstancias e acontecementos que se están a dar nos últimos tempos, tanto na rexión, como a nivel global: as consecuencias da pandemia; a guerra en Ucraína e o papel da OTAN, tanto en Europa, como na orde de África, coa colaboración entre o Reino de Marrocos e Israel, á que se suma a Liga Árabe; o cambio de postura do Goberno de Pedro Sánchez, deixando ao Sáhara en mans da potencia ocupante; as sucesivas sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo dándolle a razón á Fronte Polisario sobre a súa soberanía sobre os recursos do Sáhara Occidental, e que a Unión Europea segue a incumprirno seu acordo comercial con Marrocos

Tamén, engade Xosé Lois Rivera Jácome, responsábel de Relacións Internacionais da CIG, a corrupción na que se ven implicadas as institucións europeas baixo a influencia dos lobbies de Qatar e Marrocos; a parálise das institucións internacionais, entre elas a propia ONU que non é quen de facer cumprir as súas resolucións e celebrar dunha vez por todas o referendo de autodeterminación que culmine coa independencia e plena soberanía deste pobo; a inmunidade que está a  ter o Reino de Marrocos diante da constante violación dos dereitos humanos coa poboación saharauí; o reinicio da loita armada, pola violación do acordo de paz por parte de Marrocos; a nova conxuntura mundial, tendente a unha realidade multipolar; etc.

Nesta situación, valora, a Fronte Polisario deberá decidir sobre a súa estratexia de futuro, no que ten a ver coa relacións exteriores, co seu dereito a esixir o cumprimento da lexislación internacional, e a necesidade de continuar coa loita armada, mentres non se cumpran os acordos e resolucións tomadas, pola outra parte.

"Temos a seguridade de que a Fronte Polisario, lexítimo representante do pobo saharauí, tomará neste congreso as mellores decisións para a súa loita pola liberación e, desde a CIG, reiteramos a nosa solidariedade e a vontade de seguir apoiando a súa loita, e congratulámonos de que as mensaxes que chegan doutros países do continente africano sigan unha clara liña de rexeitamento do imperialismo colonial, e aposten, como na América Latina, pola liberación dos seus pobos desde a soberanía e a auto-organización".

A CIG dálle as grazas á UGTSARIO pola súa colaboración para participar deste congreso e agarda ver axiña unha RASD independente e soberana no seu territorio.

Sáhara Hurra!