A CIG participa no XVII Congreso da Unión Internacional de Sindicatos de Traballadores/as da Construción e Madeira

O proceso da UITBB, adscrita á Federación Sindical Mundial, celebrouse en Atenas

Atenas -

Os pasados días 31 de xaneiro e 1 de febreiro, celebrouse en Atenas o 17º Congreso da UITBB (Unión Internacional de Sindicatos de Traballadores/as da Construción, Madeira e Materiais de Construción), coa asistencia de máis de 50 organizacións de todos os continentes e a participación da Federación da Construción e Madeira da CIG. Neste proceso renováronse os cargos dos diferentes organismos, fíxose balance da situación do sector e do contexto socioeconómico actual  e acordáronse as liñas de actuacións dos próximos anos.

Previamente á celebración do encontro, o día 30, a representación da CIG participou tamén da reunión do Comité Executivo, que ultimou algúns aspectos e propostas para o congreso e de cara ao futuro.

O congreso deu comezo coa benvida da organización, que correu a cargo da Federación de Traballadores/as da Construción e Comercio Afíns de Grecia, e do Secretario Xeral da UITBB, Mijális Papanicolaou. A seguir houbo intervencións dun representante de P.A.M.E. e do Secretario Xeral da FSM, George Mavrikos, quen subliñou a importancia do papel das 11 federacións sectoriais da FSM para a loita de clases, nunha organización que ten sindicatos de 132 países.  

O proceso seguiu coa defensa do Documento de Orientación e Informe de Acción a cargo de Papanicolaou, que resultou aprobado por unanimidade, e que contén  numerosas referencias ao momento histórico, pois estase a cumprir o 70º aniversario da creación da Federación, desde o seu primeiro congreso en Milán.

Análise da actualidade e solidariedade coas loitas dos pobos

Dentro da quenda das intervencións, as organizacións participantes fixeron unha análise da situación social e política xeral, e a do propio sector, en cada un dos diferentes países; mais tamén se abordou a conxuntura internacional, o avance do neoliberalismo e o imperialismo, e a necesidade de enfrontarlles a forza do traballo que debe propiciar, organizar e coordinar o sindicalismo de clase, para poñerlle freo a todas estas violacións de dereitos laborais, sociais, cívicos e humanos en todo o mundo.

Nas intervencións houbo constantes mensaxes de solidariedade para aquelas causas que están vixentes na actualidade: a contestación social en Chile, en Ecuador, en Colombia ou en Bolivia e o recoñecemento do papel fundamental que están a xogar as poboacións indíxenas; o apoio a Venezuela e Cuba, condenando o inhumano bloqueo que están a sufrir polos EEUU; a situación en Irán e Chipre; ou a solidariedade con Palestina, que a CIG estendeu ao Sáhara Occidental.

Presentouse unha proposta de Declaración Final que, logo de introducir achegas, tamén foi aprobada. Presentáronse as propostas para elixir os membros dos novos organismos, do Comité Executivo, no que a CIG terá presenza, e do Secretariado, que foi o encargado de escoller ao Secretario Xeral e Presidente, que repiten no cargo.

De igual xeito, fíxose balance da situación económica actual e da planificación futura, tanto no tema organizativo como nas finanzas.

O Congreso concluíu coa aprobación de nove resolucións sobre:  

•    A situación da xente migrante e refuxiada.
•    De apoio a Palestina, e contra a proposta feita pública por Trump.
•    Sobre a Saúde e Seguridade no traballo, nun sector con un índice tan alto de accidentes laborais, como  o da construción.
•    Contra a Lei ACAA na India, polo seu carácter antidemocrático.
•    De apoio a Venezuela e ao seu goberno bolivariano.
•    Sobre as armas nucleares e o perigo que entrañan para a humanidade, e a destrución medioambiental.
•    Sobre as mobilizacións en Francia.
•    De condena ao bloqueo a Cuba por parte dos EE.UU.
•    Sobre  a situación en Chile.

Volver