A CIG participa nos actos polo 80 aniversario da fundación da FSM
Unha delegación da CIG estivo presente no evento conmemorativo central do 80 aniversario da fundación da Federación Sindical Mundial en París. Foi o 3 de outubro de 1945 nesta cidade onde naceu a FSM após a derrota do fascismo, para articular unha organización internacional que defendese os intereses da clase traballadora dos pobos do mundo.
A delegación da CIG, conformada polo seu Departamento de Relacións Internacionais e Cooperación, participou nos actos previstos para o 3 e 4 de outubro aos que acudiron cerca de 400 persoas delegadas de todo o mundo. Así mesmo, aproveitouse tamén para desenvolver algúns encontros bilaterais con representantes dalgunhas destas organizacións.
Na primeira xornada celebrouse unha marcha polas rúas da cidade que finalizou na Place de la République e que estivo marcada pola centralidade da reivindicación da causa palestina e por un claro apoio á loita pola súa liberación. Posteriormente, tivo lugar o acto conmemorativo central na Bourse du travail coa proxección dunha curta sobre a súa historia, con diversas intervencións e cunha homenaxe musical con cancións obreiras e internacionalistas.
Os discursos da xornada lembraron os oitenta anos de loita contra as guerras imperialistas e as intervencións, para loitar por un mundo sen colonialismo, contra as discriminacións de xénero, raciais, por relixión ou orixe; por unha sociedade, en definitiva, sen opresións.
Alén do discurso de benvida da CGT de Francia, como organizadora dos actos, escoitouse a intervención de Mzwandile Makwayiba, sindicalista sudafricano e presidente da FSM; e tamén do seu secretario xeral, o chipriota Pambis Kyritsis. Houbo tamén ocasión de escoitar os saúdos do Comité de Mulleres Traballadoras e do Comité da Xuventude Traballadora da FSM.
Insistiuse especialmente na definición dunha militancia sindical de clase e internacionalista contra a explotación capitalista e o imperialismo, expoñendo unha crítica contundente ao papel da CSI-Confederación Sindical Internacional, como partícipe e impulsora do diálogo social e monopolizadora da representación da clase traballadora; así como tamén á OIT-Organización Internacional do Traballo, pola exclusión e discriminación da FSM, polo cada vez máis central papel da representación da parte empresarial e pola falta de seguimento e aplicación das resolucións, que deben adquirir un carácter máis vinculante.
En definitiva, neste foro a FSM aspira a seguir situándose como defensora do sindicalismo de clase nun foro que se vén mostrando nos últimos tempos como espazo de confrontación entre forzas de clase e apostarase por continuar loitando para a transformación desta institución.