A CIG participou do Primeiro de Maio na Habana e dos actos organizados arredor desta data

Convidada pola CTC de Cuba
Internacional - 10 Mai 2022

Logo destes dous anos duros da pandemia nos que, polo necesario confinamento, non se puido celebrar esta data como se viña facendo tradicionalmente, neste 2022 volveron encherse as rúas das principais cidades de Cuba de centos de milleiros de traballadores e traballadoras, mozos e mozas, estudantes e cidadanía en xeral para quen o 1º de maio ten un significado especial, como en ningún outro país do planeta. A CIG compartiu estes actos solidariamente e así o manifestou coa súa presenza e participación en todos os eventos aos que a delegación da central nacionalista foi convidada pola CTC, así como noutros eventos xestionados con outras organizacións e institucións.

Primeiro de Maio

”Os actos de preparación da grande manifestación ou marcha (así se denomina), comezan xa no día anterior, e ás 3 da madrugada as as delegacións convidadas saían para ocupar os lugares designados na tribuna situada na Praza da Revolución. A esa hora a pancarta de inicio da marcha se se podía divisar con miles de persoas colocadas tras dela.

Cuba vive e traballa!

"Cuba vive e traballa!". É a consigna máis vista nos cartaces que penduran por todos os recunchos da Habana.

Cuba vive, vaia se vive! A pesar de todos os esforzos dos Estados Unidos e os seus lacaios, coa Unión Europea e os seus estados á cabeza, por acabar con ela, por asfixiala economicamente, illala politicamente e desprestixiala mediaticamente, o pobo cubano está máis vivo ca nunca.

Así o demostrou este 1º de maio, na marcha que se desenvolveu pola Praza da Revolución, diante das autoridades e das 1072 persoas, de 219 organizacións, de 60 países, que alí estabamos, mostrando a nosa solidariedade, e co corpo arrepiado de emoción, observando como, durante dúas horas, desfilou diante de nós, unha multitude de traballadores/as (a organización cifra en 6 millóns, e os medios menos afíns recoñecen centos de miles), de todos os sectores laborais, encabezadas por máis de 50.000 sanitarios/as, como recoñecemento ao seu esforzo durante a pandemia, e rematada polos colectivos de xoves e estudantes, mentres soaba a Internacional.

A clase traballadora cubana celebra, máis que reivindica, nesta data, porque non ten empresas que os exploten, nin leis laborais que vaian contra os seus dereitos, nin un goberno aliado das grandes patronais e o capital que lles facilite o aumento das súas ganancias a costa dos sacrificios da xente traballadora. Desde o triunfo da Revolución, no 1959, o pobo cubano vén facendo desa data un acto de reafirmación do seu proceso revolucionario, que pensa con e para a xente.

Un acto ben diferente aos que se viñan celebrando desde 1890, aínda baixo unha difícil influencia colonial. Cuba estivo na lista dos primeiros países en celebrar esa efeméride que se acordou en xullo de 1889 en París, coincidindo coa creación da Segunda Internacional, e para preservar a memoria dos traballadores executados en Chicago, por defender os seus dereitos laborais. Unha data que, por certo, aínda hoxe, non celébrana países como os EE.UU., Canadá, Nova Celandia ou Australia (a herdanza do colonialismo británico).

Haberá voces que dirán, unha vez máis, que toda esa xente vai obrigada. Eu preguntaríalles: e o entusiasmo? É posíbel obrigar a xente a manifestarse con ese entusiasmo que se observa xa desde as últimas horas do día anterior e que enchían a cabeceira da marcha xa ás 4 da madrugada do día 1?

E o pobo cubano traballa, vaia se traballa! É por iso que leva superando máis de 60 anos de bloqueo, cunha resistencia creativa, para enfrontar as dificultades e carencias que se lles presentan. Dicía Fidel que “fronte a calquera dificultade obxectiva, os homes deben medrarse”. E así é.

A busca de recursos propios, diante da carencia de materiais, polo bloqueo, non lles impide saín adiante. Eses marabillosos carros, verdadeiras pezas de museo de máis de 50 anos, que aínda seguen a circular polas estradas, son un exemplo visual. Pero, o mellor exemplo está nesas vacinas, tres xa homologadas e aplicadas, e dúas máis candidatadas, contra a covid-19, e os seus avances en vacinas contra o Alzheimer ou o cancro. Vacinas que, ben ao contrario das que teñen o monopolio aquí, Cuba está a facilitar a outros países pobres do mundo.

Porque, o bloqueo a Cuba non é só contra a súa xente, nin é só económico. É un bloqueo para impedir que o resto do mundo poida coñecer o mellor exemplo, na práctica e na actualidade, que representa un modelo alternativo, verdadeiramente xusto e sustentábel, fronte ao modelo neoliberal predominante, de sobreprodución e consumo disparatado, de producir máis en menos tempo, e de facer que, progresivamente, o traballo vaia perdendo o seu valor e a xeración de plusvalía, en favor de un mercado improdutivo e especulativo, en mans das grandes corporacións e entidades bancarias.

Cuba é a antítese a todo iso, e por iso non queren que se expanda o seu exemplo. Mentes as grandes potencias imperialistas fomentan a desigualdade, a explotación e o espolio, a degradación do medio e as guerras, Cuba destaca pola súa colaboración cos países máis pobres, non enviando armas, senón aportando os seus recursos e as súas brigadas para axuda médica, educativa, de desenvolvemento etc.

Actos previos ao Primeiro de Maio

As actividades e encontros da conmemoración do Primeiro de Maio comezaron xa no día 29 de abril:

  • Encontro coa Delegación da Plataforma da Clase Obreira Anti-imperialista (PCOA), e co seu máximo representante, Nelson Herrera.
  • Encontro con Jacobo Torres e outros representantes da Central Bolivariana CBST.
  • Visita guiada ao novo “Centro Fidel Castro”, recentemente inaugurado.
  • Visita e asistencia a presentacións na Feira do Libro Internacional da Habana.
  • Participación nun acto de Solidariedade no Instituto Cubano de Amizade cos Pobos (ICAP).
  • Encontro con representantes do independentismo de Puerto Rico.
  • Encontro cos/as representantes da Intersindical Canaria alí presentes, así como outros sindicatos.

No día 30, a CTC organizou unha xornada de encontro nas empresas e nos barrios, que repartiu entre as diferentes delegacións convidadas.

Pola mañá houbo encontro cos traballadores e traballadoras de LABIOFAM, unha empresa de biotecnoloxía que traballa no sector da medicina, cosmética, alimentación, veterinaria e produtos agropecuarios. Foi, precisamente, o Sindicato Agropecuario quen coordinou esta visita que consistiu nun acto de solidariedade con centos de traballadores e traballadoras no exterior das instalacións dunha das súas factorías na Habana, e un acto máis pechado con representantes institucionais (o ministro de Agricultura), xestores, sindicais e do persoal da empresa.

Pola tarde, encontro coa xente dun dos barrios en transformación, xestionados polos CDR (Comités de Defensa da Revolución). Actos e intervencións de benvida e coñecemento “in situ” da xestión dos servizos do barrio, especialmente para os nenos e nenas.

Encontro internacional de solidariedade con Cuba

Na xornada do día 2 de maio desenvolveuse, no Pazo de Convencións da Habana, un “Encontro de Solidariedade con Cuba”, con presenza das máis altas personalidades do goberno do país, e do sindicato CTC, xunto con todas as delegacións Internacionais que estabamos convidadas. Logo das intervencións da Sesión plenaria de apertura, entre as que cumpre destacar a do Secretario Xeral da CTC, Ulises Guilarte, e a do Ministro de Exteriores, Bruno Rodríguez Parrilla, trasladouse o debate a tres comisións diferentes:

1.- A Solidariedade coas causas xustas dos pobos.

2.- A crise mundial, a COVID-19 e o dereito dos pobos á vida.

3.- A unidade na diversidade na loita anti-imperialista dos pobos.

Posteriormente, volvemos ao plenario, para expoñer as conclusións das tres comisións e dar lectura ao Manifesto Final do Encontro. E rematou o acto de clausura con un impresionante discurso do Presidente, Díaz Canel, que tamén espertou as emocións dos e das alí presentes, pola súa clarividencia da conxuntura actual, tanto de Cuba como a nivel mundial, pola súa denuncia dos bloqueos e das inxustizas contra o seu e outros pobos do mundo, por parte do imperialismo e o grande capital, e polo chamamento aos movementos da esquerda internacional, para que reaccionen dunha vez por todas contra este avance do neoliberalismo e do fascismo que se está a producir. Un discurso inesquecíbel, para poñer o punto final a unas xornadas inesquecíbeis.

Desde a CIG, queremos reiterar o noso agradecemento á CTC polo seu convite e polo seu trato durante a nosa estancia e, de xeito moi especial, ás persoas que mantiveron un contacto máis estreito con nós, Isdalis, Rosario, Asher e Milexsy, que será, ademais, a nova responsábel de coordinación da CTC con Europa.

A coruña, 6 de maio de 2022

Xosé L. Rivera Jácome

Departamento de Relacións Internacionais.