A CIG participou na 113 Conferencia Internacional da OIT

A central asistiu a diversas comisións e interveu no caso de Guinée-Bissau para denunciar o incumprimento do convenio nº 26
Internacional - 17 Xun 2025

O pasado 14 de xuño remataron os traballos da 113ª Conferencia Internacional da OIT que, como cada ano, se celebra en Xenebra. Nesta ocasión, cunha participación de case 6.000 persoas das tres partes representadas: gobernos, empregadores/as e persoas traballadoras. Desde o día 1 de xuño, viñéronse desenvolvendo as reunións contempladas na orde do día da Conferencia, así como as actividades paralelas programadas.

Comisión de aplicación de normas

A CIG estaba inscrita nesta comisión, encargada de velar polo cumprimento dos diferentes convenios da OIT. Logo dunha lista inicial de 40 países presentada pola Comisión de persoas expertas sobre denuncias de incumprimento dalgún dos convenios, fíxose unha selección final de 24 países, consensuada entre as tres partes, para someter aos debates da comisión: Afganistán, Bolivia, Burundi, Chad, Ecuador, O Salvador, Eslovaquia, Xeorxia, Ghana, Guinée-Bissau,  Honduras, Hungría, Irán, Iraq, Kirguistán, Libia, Malasia, Nepal, Nicaragua, Panamá, Moldavia, Sri Lanka, Uzbekistán e Zambia. O caso de Belarús tivo unha sesión específica.

O responsábel de Relacións Internacionais da CIG, Xosé Lois Rivera, que participou en nome da central nacionalista galega, apunta que esta relación final “dá pistas sobre os criterios de selección e sobre a conxuntura internacional, no que ten a ver cos dereitos laborais e o reparto entre occidente e o sur global”. Subliña que algúns dos países desa lista foron incluídos, claramente, “por criterios políticos, e sen ter en conta as demandas dun amplo sector da representación sindical, por parte da quen exerceu a portavocía do grupo de traballadores/as”.

Durante os debates, estas persoas representantes da clase traballadora deixaron constancia dos avances logrados por eses países en dereitos laborais nos últimos anos. É o caso de Honduras e Bolivia; ou de Nicaragua, cuxo goberno non se presentou, dado que tiña anunciado con antelación a súa saída da OIT. “En calquera caso, a lista non é máis que un reflexo de como o colonialismo ten, tamén, unha fonda influencia e control nesta institución”, advirte Rivera.

A CIG, e a petición da representación da UNTG, interveu no caso de Guinée-Bissau para denunciar o incumprimento do convenio nº 26 por parte do seu goberno, dado que leva nada menos que 37 anos sen actualizar o Salario Mínimo, ademais de aplicar medidas represivas, ameazas e violencia contra as organizacións sindicais, e suspender os dereitos democráticos, co peche do Parlamento en decembro de 2023.

»TEXTO DA INTERVENCIÓN DA CIG NO CASO DE GUINEE BISSAU 

Actas e conclusións da Comisión pódense consultar na páxina web da OIT

Comisión normativa sobre o traballo na economía de plataformas

O representante da CIG destaca que esta Comisión “é de suma importancia para o futuro que se nos presenta no mundo laboral”, diante da dixitalización e uberización deste. As patronais, apunta, tamén son conscientes deste feito, como demostra a súa actitude inicial en contra de regular este sector.

“No comezo das reunións non querían ningún tipo de texto. Logo de ser sometido a votación, e grazas ao apoio dalgúns gobernos, decidiuse traballar nun Convenio e Recomendacións”, explica Rivera. Porén, os debates foron lentos e disputados e os avances escasos, dado que as primeiras discusións son de suma importancia na terminoloxía empregada, para definir claramente o tipo de relación laboral, de contratación, de remuneracións ou “pagos”, e outras cuestión que van condicionar o resto do articulado. Este só foi o comezo e os traballos continuarán na seguinte conferencia

Comisión da discusión xeral sobre a promoción-transicións cara á formalidade

Nun grande número de países do planeta aínda existen unhas taxas de informalidade moi elevadas. É por isto que esta Comisión empraza á propia OIT a que prepare un plano de acción sobre enfoques innovadores para abordar a informalidade e promover a transición á formalidade, en pro do traballo decente para a posta en práctica das conclusións deste órgano, e para o seu exame polo Consello de Administración, así como a súa comunicación ás organizacións internacionais e rexionais pertinentes.

Tamén lle reclama que teña en conta esas conclusións cando prepare as futuras propostas de Programa e Presuposto e para habilitar os correspondentes recursos. 

Comisión normativa sobre os perigos biolóxicos

Esta Comisión encargouse de levar a cabo a segunda discusión sobre protección fronte aos perigos biolóxicos no entorno do traballo, coa vista posta na elaboración de novas normas internacionais do traballo, baixo a forma dun Convenio e unha Recomendación.

Outras comisións e actividades

A CIG tamén tomou parte noutras comisións con carácter máis técnico administrativo, como a Comisión de Verificación de Poderes, a Comisión de Asuntos Xerais, e a Comisión de Cuestións Financeiras. E noutras actividades incluídas na orde do día da Conferencia, como a longa lista de oradores/as na sesión plenaria de cada día, o Foro da Coalición Mundial sobre a Xustiza social. É de destacar a votación sobre a resolución da Conferencia sobre a condición de Palestina na OIT, que lle outorga dereitos de participación nas reunións. Unha votación que saíu adiante, con 386 votos a favor, 15 en contra e 42 abstencións.

Tamén houbo reunión e actividades paralelas por parte do grupo sindical, sobre a situación en Latino América e en Arxentina, entre outros.

Reunión da CSPLP

Na xornada do día 12 celebrouse unha reunión das organizacións sindicais dos Países de Lingua Portuguesa, na que se abordaron distintas cuestións como a entrada de novas organizacións, cuestións financeiras, ou a organización do próximo congreso da CSPLP. Tamén se fixo unha avaliación do Encontro de Mulleres celebrado na Galiza en novembro pasado, coa CIG como anfitrioa e que recibiu louvanzas polo traballo feito, a organización e o resultado final.