A CIG participou na VI Conferencia Internacional Polo equilibrio do mundo

Celebrouse na Habana entre o 28 e o 31 de xaneiro
Internacional - 06 Feb 2025

Baixo o título “Con todos/as e para o ben de todos/as. Polo diálogo entre civilizacións e por unha Cultura da Paz”, desenvolveuse no Pazo de Convencións da Habana, entre os días 28 e 31 de xaneiro do 2025, a “VI Conferencia Internacional polo equilibrio do mundo”. Evento no que a CIG vén de participar, xunto con máis de 700 delegados e delegadas de 98 países, e que está organizado polo Proxecto José Martí de Solidariedade Internacional, a UNESCO, o Ministerio de Cultura de Cuba, e outras 33 entidades internacionais, do ámbito sindical (a CTC de Cuba), cultural, universitario, político, etc.

Esta Conferencia ten como obxectivo lograr unha unidade de acción multiplicativa de persoas e entidades de diferentes orixes culturais, tendencias políticas e crenzas relixiosas, para a urxente misión de modificar o curso dos acontecementos actuais, que alertan dun futuro da humanidade en perigo, e construír un mundo en equilibrio. "É preciso sensibilizar ao máximo á opinión pública mundial para que se entenda a encrucillada en que nos están a situar estes tempos convulsos (e decisivos) da primeira metade do século XXI", apuntouse no encontro.

Nesta liña, defendeuse a necesidade de que a humanidade "se empeñe cada vez máis en traballar por un mundo en equilibrio, en paz, culto, con acceso á educación e aos servizos de saúde, desenvolvido e con equidade, onde se respecte a diversidade e a dignidade plena dos individuos e dos pobos, e que sexa verdadeiramente democrático, ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto".

 Unir forzas e sementar ideas

Subliñouse que son claves encontros coma este, que permitan unir forzas e sementar ideas e conciencia porque "non podemos consentir que o egoísmo de poderosos, que está a rematar cos fermosos valores humanistas legados polo mellor da civilización, sexa o que dite o curso do presente e o futuro. Non pode ser que tendencias hexemonizadoras e excluíntes que caracterizan certos poderes globais sexan os que determinen o rumbo dos anos que están por vir. O espírito de solidariedade, de paz, de diálogo, o respecto á diversidade e ao medio ambiente son valores que a humanidade precisa que se impoñan"

Seminarios, paneis e conferencias

A Conferencia comezou cunha sesión inaugural  que contou coa presenza do presidente da República de Cuba, Miguel Díaz Canel, e un amplo número de autoridades de diferentes países, e que deu remate coa Conferencia Maxistral “A xustiza como camiño para a paz e o equilibrio do mundo”, a cargo de Frei Betto, teólogo brasileiro, premio internacional José Martí da UNESCO, e Membro do Consello Mundial do Proxecto José Martí de Solidariedade Internacional.

Durante o resto das xornadas desenvolvéronse múltiples seminarios, paneis, conferencias, mesas redondas, obradoiros, foros, encontros, coloquios e congresos, sobre moi variadas temáticas: a nova orde mundial, a solidariedade con Palestina, a sociedade  post-mediática, a era da intelixencia artificial, paz vida e cambio climático, a ideoloxía marxista leninista, educación política dos pobos, o proxecto revolucionario de José Martí, movementos sociais e cultura ambiental, educación e empoderamento feminino, en defensa do multilateralismo e dos propósitos e principios consagrados na Carta das Nacións Unidas, poetas pola paz, historia cultura e soberanía nacional, colonialismo cultural, os BRICS plus e os trocos estruturais no sistema internacional, dereito ao acceso á auga, construíndo un mundo máis aló da guerra, respostas ao avance do fascismo tec..

Foron múltiples, tamén, as persoas que participaron como poñentes: líderes sociais e políticos/as, activistas e intelectuais de recoñecemento internacional, como Ignacio Ramonet ou Atilio Borón. Déronse numerosas actividades e debates na busca de respostas e estratexias, que poidan contribuír a enfrontar este avance do neoliberalismo, o fascismo e o imperialismo, para construír un mundo máis xusto e equilibrado.

Rematou a Conferencia cun acto de clausura, tamén coa presenza das principais autoridades do país, e das moitas internacionais que se encontraban presentes.

Na Habana, a 3 de febreiro de 2025

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG