A CIG participou no Encontro Internacional da Clase Obreira Anti-Imperialista

Desenvolveuse de maneira virtual e nel participaron máis de 200 representantes de sindicatos, movementos sociais e partidos
Internacional - 19 Nov 2020

Durante os días 12 e 13 de novembro, desenvolveuse o Encontro Internacional da Clase Obreira Anti-imperialista, un foro virtual que sumou até 202 participantes que representan a 171 sindicatos, entre eles a CIG, 48 partidos políticos e 87 movementos de 61 países dos 5 continentes. O acto  foi organizado pola Vicepresidencia da Clase Obreira do PSUV, xunto á Central Bolivariana Socialista de Traballadores/as da Cidade, o Campo e a Pesca (CBST-CCP), e coa colaboración do Goberno Bolivariano da República de Venezuela, co obxectivo de impulsar a Plataforma da Clase Obreira Anti-Imperialista (PCOA).

O encontro formulouse cos seguintes obxectivos:

  • Construír colectivamente un programa de loitas mundiais de traballadores e traballadoras que permitan a inclusión, integración, direccionamento e articulación das diversas formas de loita e organización da clase traballadora.
  • Avanzar na organización mundial da plataforma PCOA, constituíndo a Comisión de Enlace Promotora da Clase obreira a nivel mundial e nas principais rexións e/ou subrexións: América Latina, América do Norte, Europa, África, Asia e Oceanía; e en diferentes países.
  • Afondar nas campañas Internacionais de Solidariedade contra as sancións imperialistas a nacións e pobos soberanos, desenvolvendo un Plan de Acción de alcance internacional.
  • Desenvolver un plan de acción inmediato, de carácter internacional, na defensa da soberanía de Venezuela, do seu dereito constitucional a realizar as eleccións parlamentarias o 6 de decembro sen inxerencias estranxeiras.

Movemento unitario internacional

A Plataforma da Clase Obreira Anti-Imperialista, non é estritamente un movemento de carácter sindical, senón que pretende ser un movemento unitario mundial que artelle todas as organizacións políticas, movementos sociais, organizacións sindicais, líderes e individualidades relacionados co mundo do traballo que loiten pola paz, a democracia, a autodeterminación dos pobos e a solidariedade entre o pobo traballador, e contra a inxerencia imperial.

Así mesmo, busca contribuír ao renacemento das loitas anti-imperialistas das traballadoras e traballadores contra o proxecto globalizador neoliberal, cunha nova identidade social, dende o múltiple e o diverso, e ao tempo tentará fortalecer o intercambio formativo e organizativo entre traballadores/as, considerando as experiencias e alternativas socio-produtivas que superen a dependencia do capitalismo.

A PCOA representa un paso máis, tras do primeiro Encontro Internacional de Traballadores/as e en Solidariedade co Goberno Bolivariano e o Pobo Venezolano, celebrado do 29 ao 31 de agosto de 2019, e do Encontro Mundial contra o Imperialismo celebrado do 22 ao 24 de xaneiro de 2020.

 A importancia de establecer unha plataforma internacional

Na inauguración do encontro, o comisionado xeral da PCOA, Nelson Herrera, resaltou estes obxectivos, así como a importancia de establecer unha plataforma internacional que organice e aglutine as diferentes loitas que se dan no mundo, para acadar espazos de decisión política nos diferentes países.

Tamén interviñeron nesta sesión de inauguración o ministro do Poder Popular para o Proceso Social do Traballo, Eduardo Piñate, e o compañeiro Jacobo Torres, da Central Bolivariana Socialista de Traballadores/as, aos que seguiron algunhas intervencións de organizacións doutros países, entre elas a CIG.

A xuntanza continuou logo cunhas mesas de traballo arredor do impulso  da Plataforma da Clase Obreira Anti-Imperialista no contexto dunha crise do capitalismo, a pandemia e as sancións contra nacións soberanas e sobre a propia existencia da PCOA e a necesidade dun Plan de Loitas Anti-imperialistas.

A continuación, trasladáronse os acordos e conclusións das mesas á plenaria e rematouse o encontro de dous días de duración coa sesión de clausura, na que participou o Presidente lexítimo da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, ao que se proclamou Presidente honorífico da PCOA durante a sesión e que, ademais de saudar e comprometerse coa plataforma, compartiu debate en directo coas distintas delegacións que foron facendo as súas intervencións.

Pode accederse a máis información, materiais imaxes e vídeos, a través desta páxina web: https://pcoaworld.org/

A Coruña, 18 de novembro de 2020.

Dpto. de Relacións Internacionais.