A CIG participou no I Congreso internacional da clase obreira en defensa da paz e soberanía de América Latina, o Caribe e o mundo

A central tamén tomou parte, como organización convidada, no Congreso constituínte da clase obreira de Venezuela
Internacional - 23 Dec 2025

Logo de reunións telemáticas previas, e co convite da Comisión Preparatoria do Congreso Internacional da Clase Obreira, a través do seu presidente, Francisco Torrealba, a CIG participou no “I Congreso internacional da clase obreira en defensa da paz e soberanía de Latino América, o Caribe e o mundo” que se celebrou o pasado día 17 de decembro en Caracas. A central tamén asistiu ao Congreso constituínte da clase obreira de Venezuela, celebrado nos días 14, 15 e 16, baixo a presidencia de Wils Rangel, presidente da Central Bolivariana Socialista de Traballadores e Traballadoras da Cidade, o Campo e a Pesca (CBST-CCP).

Estes encontros foron convocados nun contexto de tensións e ameazas que o imperialismo dos EUA coa complicidade ou o silencio dos seus lacaios europeos, e a vergoñenta concesión do Premio Nóbel á fascista opositora, María Corina Machado, está a provocar contra a soberanía de Venezuela, e outros países da rexión. Ameazas que se fixeron máis graves e explícitas, precisamente durante a celebración dos eventos, cunha ameaza directa de intervención militar, o saqueo ilegal de petroleiros de Venezuela, e o incremento da presión, o bloqueo e as sancións.

É por isto que este encontro da clase traballadora se transformou, tamén, nun acto de solidariedade internacional, na defensa da soberanía e do dereito de autodeterminación dos pobos, contra a inxerencia externa, e de resposta conxunta e unitaria da clase traballadora contra o imperialismo. E así o trasladou a CIG, en cada unha das súas intervencións, primeiro aos traballadores e traballadoras de Venezuela alí convocados, e logo, a todas as delegacións, locais e internacionais, presentes no Congreso.

A CIG agradeceu o convite a participar neses importantes eventos, reiterou a súa solidariedade, louvou a resistencia e valentía que o pobo de Venezuela vén enfrontando contra as agresións do presidente Donald Trump, e tomou como unha verdadeira lección de democracia o proceso que testemuñou, cun papel protagónico da clase traballadora nas decisións que afectan á acción de goberno e o futuro do seu país. 

A representación da central manifestou o compromiso coa paz, e fixo unha chamada a fortalecer a unidade de acción sindical a nivel internacional, nun contexto xeopolítico mundial no que, diante da posta en cuestión do papel hexemónico dos EUA se está a dar un proceso de aceleración do capital neoliberal, aumento das políticas neocoloniais e un incremento do fascismo, coa ausencia de institucións que fagan cumprir os dereitos humanos e o dereito internacional, contra as impunes actuacións xenocidas e ilegais do imperialismo anglo-sionista.

O Congreso Constituínte da Clase Obreira, vense desenvolvendo desde o día 23 de outubro, logo de 22610 asembleas en centros de traballo, concellos, e 5636 distritos comunais, que fixeron o proceso nos 27 sectores laborais diferentes, máis estudantes, labregos/as, organizacións de mulleres e poboacións orixinarias, e do que resultaron electos/as 132.000 delegados e delegadas (60%  homes e 40% mulleres, a metade titulares e a outra metade suplentes), que elixiron en cada estado os 1519 delegados e delegadas do Congreso Constituínte, que debateron en 10 mesas as máis de 5000 propostas que pasaron ese proceso previo.

O presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro Moros, xunto co seu gabinete de goberno en pleno, clausurou este primeiro encontro constituínte, logo de comprometerse a poñer de inmediato en marcha as propostas aprobadas pola clase traballadora, e levar a cabo, coa coordinación da Comisión  Nacional Obreira da Transición (CNTO, unha reforma constitucional á medida de un novo estado democrático, baixo o protagonismo da clase obreira, e celebrar proximamente outro Congreso Constituínte Bolivariano do Poder Popular.

Unha ampla lista de medidas foron aprobadas neste congreso, que afectarán a distintas áreas: Renovación sindical; empoderamento dos CPTT (Consellos Produtivos de Traballadores e Traballadoras); Unidade da Clase Obreira; Formación ideolóxica e Técnica; programas de inclusión; Mecanismos de control e seguimento; substitución das importacións e recuperación da capacidade instalada; Beneficios sociais; encadeamento produtivo; creación do Consello Científico Nacional da Clase Obreira; propostas concretas para os sectores agroalimentario, industrial, de hidrocarburos, a construción saúde, servizos (enerxía, auga, telecomunicacións, transporte,…), educación e emprendemento; articulación de medidas para a defensa do país e a súa soberanía, diante de posíbeis agresións; Mesas de Traballo, Articulación Institucional e Validación Política de todas as medidas.

Esta sistematización reflexa fielmente o espírito combativo e propositivo da clase obreira venezolana, disposta a asumir o control do seu destino e defender a súa patria, diante de calquera circunstancia.

O Congreso Internacional da Clase Obreira, que contou coa presenza do chanceler, Iván Gil, e coas intervencións de apertura de Wils Rangel, representante da CGT de Arxentina, da CTC de Cuba, activista dos EUA e a CIG, reuniu a 100 delegados e delegadas locais, e outros tantos internacionais, de máis de 40 países, dos que puideron escoitar algunha intervención máis e aprobar un manifesto final.

Así, o Congreso consolidouse como un necesario espazo de unidade sindical e popular, contra as guerras, os bloqueos e as intervencións externas, na defensa da soberanía dos pobos.

(Achegamos nesta nova o programa, Manifesto Constituínte da Clase Obreira Venezolana, e o Manifesto da Clase Obreira Latinoamericana, Caribeña, e Mundial en defensa da Paz).

Caracas, 21 de decembro de 2025

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG.