A CIG participou no I Seminario Internacional organizado polo Fórum Soberanista

Interveu na mesa de debate sobre os retos pendentes na articulación europea do sindicalismo

Internacional -

Con máis de 150 persoas inscritas, a pasada fin de semana celebrouse en Gandía, País Valencià, o primeiro seminario internacional organizado polo Fórum Soberanista e a Coppieters Foundation. Nestes dous días fortalecéronse as alianzas entre as 15 fundacións sindicais, políticas e culturais soberanistas e de esquerdas que forman parte do Fórum Soberanista, entre as que está a CIG.

No seminario, tratáronse diferentes temáticas enmarcadas no ámbito europeo, tal como o feminismo desde a perspectiva interseccional, a xestión da diversidade lingüística, o auxe da extrema dereita, o sindicalismo ou a xestión dos conflitos territoriais. O compañeiro Anxo Iglesias participou en representación da CIG na mesa na que se abordaron e debateron os "retos pendentes na articulación europea do sindicalismo".

A Xunta do Fórum Soberanista valora este primeiro seminario de forma moi positiva e como un paso positivo no obxecto fundacional do Fórum Soberanista. Como un espazo de diálogo que aglutina diferentes organizacións de reflexión en clave democrática, pluralista e soberanista. Reflexión para a acción, evidentemente, pero ante todo análise sobre os diferentes cambios sociais, económicos e tecnolóxicos que actualmente se cruzan nas nosas respectivas sociedades para así intentar transitalos con propostas de profundo carácter progresista.

Volver