• Nova

A CIG participou no VIII Congreso da UNTC-US de Cabo Verde

Celebrouse baixo o lema “União, Solidariedade e Trabalho Digno"
Internacional - 15 Mar 2022

Durante a pasada semana desenvolveuse no Auditorio da Universidade de Cabo Verde (UNICV), na cidade de Praia, o VIII Congreso a União Nacional de Trabalhadores/as de Cabo Verde - Central Sindical (UNTC-CS), baixo o lema “União, Solidariedade e Trabalho Digno", no que tamén participou a CIG representada polo responsábel de Relacións Internacionais, Xosé Lois Rivera.

O congreso, no que participaron delegados e delegadas de máis de 20 sindicatos afiliados á central, deu comezo coa intervención dun membro da Associaçao de Jovens Suindicalistas da UNTC-CS, Seidy de Pina, ao que seguiu a Secretaria Geral, Joaquina Almeida, as delegacións convidadas e a Directora da ACTRAV, da OIT, María Helena André, que fixo a apertura oficial. Logo dos debates dos relatorios e as votacións, resultou reelixida Joaquina Almeida como Secretaria Geral, con más do 90% dos votos dos delegados e delegadas presentes, porcentaxe que tamén superou o novo Consello Directivo.

Seminario internacional

Previamente ao congreso, celebrouse nos locais da Asemblea Nacional de Cabo Verde, un Seminario Internacional sobre dous temas: “A Segurança Social no periodo post-pandemia”, e “A violencia e o assédio nos locais de Trabalho”.

Para abordar estas dúas temáticas interviñeron representantes do Goberno de Cabo Verde, os técnicos do INPS, a Secretaria Geral da UNTC-CS, a Directora da ACTRAV, o sociólogo Henrique Varela, o Dr. Iván Baleno, e o sindicalista da UGT de Portugal, e tras das súas intervencións abriuse un debate arredor de ambas cuestións, con intervencións das delegacións convidadas e do público asistente.

Reunión da Plataforma Sindical dos Países de Lingua Portuguesa

Posteriormente á celebración do Seminario, aproveitouse a presenza no congreso de varias organizacións que forman parte de Plataforma Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP) para analizar o contexto actual e desbloquear o período de inactividade que esta plataforma veu tendo nos últimos anos.

Deste xeito, as organizacións quedaron emprazadas para unha vindeira reunión, co obxectivo de reactivar a plataforma e concretar as datas e lugar de celebración do Congreso que leva xa anos pendente de celebración, con varios adiamentos e o paréntese posterior debido á pandemia.