A CIG participou no X Congreso da UGTSARIO celebrado entre o 18 e o 20 de abril en Tindouf

Baixo o lema “Traballadores/as saharauís. Compromiso e lealdade pola senda dos mártires”
Internacional - 25 Abr 2025

Entre os días 18 e 20 de abril celebrouse na Wilaya de Dajla, nos campamentos de persoas refuxiadas que o pobo saharauí ten en Tindouf (Arxelia), o X Congreso da Unión Xeral de Traballadores/as de Saguia el Hamra e Río de Oro (UGTSARIO), ao que a CIG asistiu como convidada. Un congreso dedicado ao mártir Mahjub Brahim e que se desenvolveu baixo o lema: “Traballadores/as saharauís. Compromiso e lealdade pola senda dos mártires”.

Ao longo das tres xornadas de congreso, coa presenza do pPresidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Brahim Ghali, e numerosas autoridades e organizacións sindicais convidadas, especialmente de África e de Europa, as máis de 300 persoas que asistiron como delegadas aprobaron os informes correspondentes ao mandato que remataba e debateron as estratexias de cara ao futuro para a clase traballadora saharauí, tanto nos campamentos, como nos territorios ocupados, liberados ou na diáspora.

Así mesmo abordáronse as accións que deberán desenvolver na loita común pola liberación tanto na súa rexión, como a nivel internacional, contra a ocupación ilegal de Marrocos e as súas constantes violacións dos dereitos laborais e civís da poboación saharauí, e polo cumprimento das resolucións de diferentes institucións internacionais, como a propia ONU, a Unión Africana, ou as recentes sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo, que recoñece a potestade da RASD sobre os seus recursos naturais, e ao Fronte Polisario como o seu lexítimo representante. A UGTSARIO debe ser un axente fundamental na loita polo obxectivo final, a celebración do referendo de autodeterminación e a independencia como república soberana, nos seus territorios.

O congreso rematou coa elección dos novos cargos a nivel central e rexional e, logo dunha votación en segunda volta, coa elección de Nafee Ahmed Mohamed, que era o secretario xeral de UPES (Unión de Periodistas e Escritores/as Saharauís), como novo secretario seral, ao obter 165 votos  fronte aos 114 do outro candidato, o doutor  Mohamed Salem Cheij.

O novo secretario xeral, Nafee Ahmed Mohamed, estará acompañado estes vindeiros catro anos pola equipa do novo Buró Central da UGTSARIO, no que resultaron electos: Mohamed Salem Hamdi Daf,  Mohamed Salem Hamma Abdullah, Embark Sid Ahmed Mamin, Raabab Hasanna Brahim, Buzeid Mohamed Saleh e Hamudi Embarek Al-Meiles.

Seminario sobre a responsabilidade do Estado español

Durante a xornada do día 19, as delegacións sindicais convidadas participaron nun seminario con diferentes palestras, unha delas a cargo da representación da CIG, que trataba sobre a responsabilidade histórica do Reino de España cara aos traballadores e traballadoras saharauís.

Neste encontro expuxéronse, con datos documentados, todos os agravios e incumprimentos que os gobernos do Estado español levan cometendo, en prexuízo da clase traballadora e do pobo saharauí, desde a súa etapa colonial, durante a súa retirada e despois, co incumprimento das súas responsabilidades como potencia administradora, das súas obrigas coa xente que traballara en empresas españolas, das resolucións internacionais, e das recentes sentenzas de tribunais europeos.

Outras palestras que se desenvolveron versaron sobre os seguintes temas:

  • Movemento sindical arxelino na época colonial francesa.
  • Papel das organizacións sindicais na axenda da Unión Africana.
  • A experiencia das cooperativas da muller traballadora.
  • A política e estratexia francesa do espolio e empobrecemento dos pobos de África.
  • A importancia da Solidariedade sindical coa UGTSARIO e a causa do pobo saharauí.
  • A muller traballadora na construción e fortalecemento sindical.
  • A lee da Función e Persoal na RASD.
  • 50 anos de loita sindical saharauí.
  • A muller saharauí e a súa iniciativa na construción da UGTSARIO.

 Compromiso da CIG

Rematado o congreso, desde a CIG saudamos aos novos membros electos  e manifestou, tanto ao novo secretario xeral como ao compañeiro responsábel de Relacións Internacionais, Mani Ahmed, a total disposición a seguir colaborando estreitamente coa UGTSARIO -como se evidencia no acordo mutuo de colaboración- e o compromiso de continuar traballando de forma conxunta na loita pola súa xusta causa, tamén nos foros internacionais.

Previamente á clausura, tamén foi entregado un memorando sobre a situación dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental e ratificado o manifesto de apoio xa aprobado no último EUCOCO, celebrado en Lisboa.

Tindouf, a 21 de abril de 2025.

Dpto. de Relacións Internacionais da CIG