A CIG pide a paralización do ERE de Einsa Print, unha mesa con presenza das administracións e un compromiso de recolocación

A central nacionalista trasladou estas demandas durante a reunión deste venres coa secretaría xeral de Emprego
Ferrol - 11 Xul 2025

A CIG solicitoulle este venres á Consellaría de Emprego a creación dunha mesa con presenza da Xunta, o Concello das Pontes, o comité e a dirección de Einsa Print, na que a empresa acredite as causas sobrevidas coas que pretende xustificar o novo expediente de regulación de emprego. A CIG tamén demandou a creación dunha bolsa de emprego e a paralización das negociacións até que se convoque esa mesa, ou cando menos a ampliación do período de consultas, xa que a empresa aínda non entregou documentación fundamental, como as contas auditadas de 2024.

“Queremos que a Xunta requira a empresa para que demostre cales son esas causas sobrevidas que alega. Para nós este ERE é unha fraude. Aínda está en vigor o anterior despedimento colectivo que contempla unha cláusula de mantemento do emprego até decembro de 2026, que se está incumprindo”, aseverou Vicente Vidal, secretario da CIG-Industria de Ferrol, á saída da reunión coa representación da Consellaría de Emprego.

Subliñou que a propia administración considera dubidosas as causas sobrevidas aducidas pola empresa e, neste sentido, Vidal reclamou que Einsa Print demostre de maneira documental cales foron as razóns polas que as empresas clientes retiraron a carga de traballo da factoría das Pontes. “Queremos comprobar se é certo que as empresas marcharon ou se foi Einsa quen provocou que se foran”.

Ademais, ante a pretensión da dirección de pechar a actividade de artes gráficas, Vidal reivindicou un compromiso por escrito para a creación dunha bolsa de emprego, tutelada pola Xunta de Galiza e o Concello das Pontes, que facilite a recolocación do persoal afectado nos próximos proxectos que se poidan instalar nas naves de Penapurreira.

“Hai 15 meses houbo outro ERE no que se despediu a 120 persoas e o plan de recolocación que Einsa propuxo a través dunha empresa externa foi un fracaso absoluto, só se recolocou a un traballador. As persoas que a día de hoxe están ocupadas é porque se buscaron a vida pola súa conta”, criticou. Por iso, engadiu, “non nos vale que agora nos veñan co mesmo plan”.

Neste senso, o secretario comarcal da CIG-Industria incidiu nas condicións do persoal de Einsa Print, “cunha parte importante de traballadores e traballadoras que superan os 55 anos”. Por iso reivindicou “que se priorice a este persoal na contratación e na formación necesaria para acceder a novos postos de traballo”.

Pola súa parte, dende a Consellaría apuntaron que se dirixirán á empresa para requirirlle a documentación que falta e que serán inquisitivos nas solicitude, así como concordaron na petición de ampliar o período de consultas, que remata o día 18. Tamén confirmaron que lle trasladarán a proposta da CIG de constituír unha mesa multibanda, mais sen ningún compromiso concreto, xa que a súa materialización depende da vontade de Einsa.  

Aproveitando o encontro, os traballadores e traballadoras visibilizaron o rexeitamento ao novo ERE cunha concentración ás portas do edificio da Xunta en Ferrol e avanzaron que continuarán mobilizándose en defensa dos seus empregos e da actividade produtiva.